Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Outra evidencia máis, e mira que avisos non faltan: emerxencia climática ao límite co planeta en dirección irreversible ao colapso. A novidade resulta tan repetitiva que apenas ocupa xa unhas liñas nos medios. Porén, o planeta insiste en enviar sinais, ignorando o noso protocolo de desatención. Perante a falsa e compracente impresión de ser Galiza un refuxio climático excepcional, unha especie de illa atlántica allea ao quecemento global, os voraces incendios do pasado verán, convertendo en cinza espazos que se crían invulnerábeis, proban que formamos parte indiscutíbel deste escenario de catástrofe mundial. A festa, magoa diso, é para todos. E a Terra acaba de enviar a última factura detallada, un informe que vén a ser a autopsia en vida do noso fogar. Un equipo internacional de científicos, con esa teima súa de cuantificar os desastres, publicou na revista Science Advances a actualización do estado dos nove “límites planetarios”, a liñas vermellas que a humanidade non debería cruzar se quere manter unhas condicións de vida minimamente estábeis. 

Este noso planeta, ese sistema complexo e conectado entre si, está a saír da súa zona de confort, empurrada por unha humanidade que actúa cun entusiasmo digno de mellor causa. O informe conclúe que xa se superaron sete deses nove límites vitais. A lista de fracasos é case exhaustiva: o cambio climático, a integridade da biosfera (un xeito elegante de falar da extinción masiva de especies), o cambio no uso do solo (menos bosques, máis cemento), a alteración dos ciclos da auga doce e dos fluxos “bioxeoquímicos” do nitróxeno e o fósforo (unha sobredose de fertilizantes), e a introdución de “novas entidades”, o caixón de xastre onde se amorea toda a nosa polución química, desde plásticos a tóxicos para o agro. Mesmo a acidificación dos océanos, que aínda non cruzou o limiar de forma definitiva, achégase perigosamente. A única boa nova, a recuperación da capa de ozono, semella unha reliquia dun pasado no que a cooperación internacional era posible, un éxito illado que subliña aínda máis a parálise actual. Este diagnóstico non implica un colapso mañá mesmo, senón o incremento radical do risco de cambios irreversíbeis e abruptos a escala global, un xogo de ruleta rusa no que se engaden balas ao tambor con cada ano de inacción.

Fronte a esta evidencia científica incontestábel, a resposta dos gobernos vai da negación sutil ás promesas grandilocuentes que se aprazan a un futuro que, a este ritmo, seguro que non chegará. As grandes transformacións económicas e sociais requiridas para volver a un espazo de seguridade planetaria son vistas como un inconveniente para o crecemento a curto prazo, o único deus ao que aínda se lle rende culto. Mentres, a sociedade asiste ao espectáculo cunha mestura de ansiedade e impotencia, unha parálise que impide unha esixencia colectiva e contundente de solucións. A información está aí, os datos son claros e as consecuencias visíbeis. Porén, a inercia imponse. Por este camiño, a humanidade avanza sen control cara a unha nova extinción planetaria. A súa propia.