Onde se respecten as diferenzas
O cerebro dun vello é vello igualmente. É vello e nada máis. Co tempo, segundo indica a investigación, prodúcense cambios cerebrais que obrigan a unha menor comunicación neuronal, á perda da axilidade mental e á perda de memoria e, tamén, veñen encima cambios corporais, que minguan a elasticidade na pel, a masa muscular, a visión e a audición.
A prensa recollía recentemente unhas declaracións do neurólogo e catedrático da Escola de Medicina Harvard, Álvaro Pascual-Leone, nas que aseveraba que “querer manter ao cerebro coma o dun mozo era unha estupidez”. Tamén advirte dos problemas das novas tecnoloxías para mellorar a capacidade do cerebro. Quen sabe?
A ciencia e a tecnoloxía poderán provocar avances que deixen ao home, e ao seu cerebro, espido diante do ano que vén, diante do acontecer de cada día e, mesmo, diante do espello. Aquí quen é vello? Ao redor do nove por cento da poboación mundial ten sesenta e cinco ou máis anos. Estamos neste tramo de idade cerca de trescentos catro millóns de homes e máis de trescentos setenta e seis millóns de mulleres. Son moita xente, moitos vellos e moitas vellas.
Segundo a ONU, que conta na actualidade con 193 estados membros e 2 estados observadores permanentes, en 2024, a poboación mundial era duns oito mil douscentos millóns de persoas e, durante os próximos cincuenta anos, seguirá medrando e o mundo alcanzará a cifra de dez mil trescentos millóns de habitantes, aí polo 2085, cando as persoas de sesenta e cinco anos ou máis sexan dous mil douscentos millóns, superando en número ás menores de dezaoito anos.
A partir de 2085, producirase un leve descenso, para entrar no século XXII coa terra ocupada por dez mil douscentos millóns de habitantes. E, que pasa en Galicia, na zona rural de Galicia? Hai poucos anos, os políticos ofertaban auditorios e construíanse a esgalla, agora fanse residencias para os maiores e tanatorios, en calquera esquina. Antes fomos emigrantes e agora, segundo as predicións, estamos a expensas da inmigración.
A Tía Manuela, igual que vostede, sábeo ben, os inmigrantes son nais, pais, irmáns, irmás, fillos e parentes, co enorme alivio que produce a ilusión e a esperanza de traballar e vivir en liberdade, construíndo un mundo onde se respecten e aprecien as diferenzas.
