Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
La Galería

Ferreira de Pallares

O mosteiro sitúase nunha zona de gran beleza natural

Ilustración de Gosia Trebacz
Ilustración de Gosia Trebacz
Cedida
beowner620V2
COLIMA 620
banner-620x50
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620
MCDONALDS 620X50

A fundación do mosteiro de Ferreira de Pallares remóntase ao século IX, coa igrexa como elemento referencial, e, na súa contorna, os espazos nos que se desenvolvían os labores diarios. De cenobio familiar pasou a orde beneditina na segunda metade do século XI. Con diferentes altos e baixos, mantivo unha certa actividade até os anos sesenta do século pasado. Na actualidade, un cualificado grupo de persoas esfórzase en conservar o legado, convocando un premio de investigación, dando a coñecer e poñendo en valor un patrimonio que cómpre preservar.

Carlos Vázquez García, coa colaboración de José González Vázquez, publicou hai uns anos “O Mosteiro de Ferreira de Pallares” (Xunta de Galicia, 130 páx.) no que traza a peripecia histórica do enclave: doazóns, testamentos, permutas, conflitos e concordias, o proceso de desamortización e demais avatares inherentes, como di María Carmen Pallares no limiar, “á sociedade da que forma parte”.

Especial relevancia tivo a Confraría da Nosa Señora do Rosario como elemento dinamizador de peregrinos, coa lóxica repercusión económica, e coas propias achegas dos confrades. Era costume, di Carlos Vázquez, que o domingo seguinte ao 15 de agosto, se celebrase un banquete de irmandade de confrades e sacerdotes. Precisamente, o celo na custodia das ofrendas en forma de froitos e cartos, negándose a entregarllas ás tropas francesas que tomaran Lugo o 9 de xaneiro do 1809 e estableceran un campamento no Picato, a uns quilómetros de Ferreira, provocou a morte, por seis balazos de fusil, do veciño de Meixaboi Juan Penelas, enterrado ao pé da pía bautismal da basílica.

A intervención da Virxe a prol dos romeiros que acudían en busca de axuda, conta cunha extenso inventario de milagres e feitos prodixiosos: “Concedeulles Deus, por medio de súa nai, completa saúde e curación de diferentes males e enfermidades”, relata Frei Christobal de Arttemán. A confraría tivo momentos de auténtico esplendor. Resulta ben elocuente que en 1764 fose necesario un copón, cunha capacidade de preto de mil obleas, para atender as comuñóns dos fieis, que acudían por milleiros. Porén, a partir de 1918 produciuse unha decadencia paulatina, con achegas residuais nos anos sesenta e extinción definitiva nos primeiros oitenta.

Lenda

Cóntase que un mozo rico e crápula, fillo dun conde, quería acceder, valéndose de enganos, aos favores dunha fermosa e prudente doncela. E como as falsas promesas de matrimonio resultaron inútiles, non se lle ocorreu mellor cousa que raptala para consumar o abuso. Unha tarde de esplendoroso sol agardou, agochado nun cavorco, a que a moza volvese do monte coas ovellas. A piques de consumar o atropelo, a Virxe escureceu o ceo en noite pecha e unha furiosa treboada de raios e tronos abateuse sobre o lugar. Un lóstrego certeiro matou a cabalgadura e deu por terra co perverso, quen, presa do pánico, correu a refuxiarse no mosteiro.

O aviso divino non admitía dúbidas nin segundas oportunidades. Así o entendeu o malandro que, arrepentido, prometeu votos, mudou de conduta e converteuse nun piadoso monxe.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620