Verónica Bolón Canedo, Enxeñeira informática experta en ia | “Espero que a IA sirva para curar enfermidades e mellorar a vida das persoas”

Doutora en Informática e profesora titular na Universidade da Coruña (UDC), Verónica Bolón Canedo (Carballo, 1984) é referente en Intelixencia Artificial (IA) sostible, un dos grandes retos aos que se enfronta a sociedade. Entre os desafíos máis prometedores, os aplicables á medicina e que sirva para curar enfermidades, como recoñece a enxeñeira.
Premio Nacional de Investigación, recoñecida pola Real Academia Galega de Ciencia pola súa contribución pioneira á IA, así como por outras numerosas institucións públicas e privadas, promotora do Festival Pint of Science na súa vila de Carballo... O seu currículo asombra, a pesar da súa xuventude. En setembro participará no CERN Festival Programme en Vilaxoán (Pontevedra), que chega por primeira vez a Galicia con referentes da divulgación científica en toda España.

Prestixiosa investigadora con premios nacionais, internacionais, pregoeira no seu pobo... que máis se pode pedir?
Non podo pedir nada máis. Cada recoñecemento fai moita ilusión, pero ser pregoeira foi un dos mellores días da miña vida. A xente dicíame que estou moi afeita a falar en público, pero como escribín no libro de honra, aquel era un público moi especial. Disfrutei moitísimo dese día, do cariño da xente, e ao día seguinte parecíame que estaba nunha nube de felicidade.
Que lle supuxo o Premio Nacional de Investigación?
É o máximo recoñecemento científico que hai en España, e o día que me enterei estaba na cama, pola noite. Pensei que estaba soñando, que algo tan bo non me podía estar pasando. Isto sen desmerecer os outros premios e recoñecementos, porque todos veñen de colectivos distintos que recoñecen o teu labor, pero o Premio Nacional de Investigación é algo moi especial.
Vostede é experta en Intelixencia Artificial, que xa forma parte das nosas vidas. Como a definiría para que a entenda todo o mundo?
Non é fácil. Eu adoito empregar a definición da RAE, que vén dicir que é a ciencia que estuda como facer que as máquinas amosen unha intelixencia similar á das persoas, como pode ser a aprendizaxe, o razoamento ou a capacidade de adaptación. Dito doutra maneira, a diferenza da informática ou da programación tradicional, na que se dan unhas regras e unhas instrucións, a intelixencia artificial pode aprender ao longo do tempo, razoar, adaptarse, comunicarse ou entender. Son características que asociamos máis co comportamento humano.
Non dá un pouco de medo ver o rápido que avanza?
A min non me dá medo no sentido de pensar que haxa unha intelixencia real detrás, porque non a hai. Cando falas co ChatGPT ou cun chatbot pode parecer unha persoa, pero sabes que non o é, parece que ten conciencia ou consciencia, pero non a ten. Actúa como se a tivese. O que me preocupa é o uso que se lle pode dar. É unha tecnoloxía moi potente e pode utilizarse para cousas boas e malas. Preocúpanme usos como a vixilancia de persoas, as guerras, control social..., e tamén que a usemos sen ser conscientes dos seus límites. Ninguén nos ensina cando podemos confiar nela e cando non. Hai xente que a ve coma un oráculo.
Como afectará ao ámbito laboral? Dise que é unha seria ameaza...
Vai haber unha transformación. Algúns empregos van desaparecer, seguramente. Pasou en todas as revolucións industriais e dubido que esta sexa diferente. Eu dígolle ao meu alumnado que deben ver a IA como algo que os potencia, non que os substitúa. Debe buscar a forma de facerse imprescindibles e non depender tanto da tecnoloxía.
“Eu podo utilizar a IA como unha especie de becario, que me axude e quite de enriba o traballo máis engorroso, pero reviso todo porque eu son a responsable”
Como se consegue iso?
No caso do meu alumnado, que é de Informática, agora é moi fácil pedir exercicios de programación á IA. Pero se non sabes por que algo está ben ou mal, se non tes sentido crítico, quen te vai querer contratar? Eu podo empregar a IA como unha especie de becario: que me axude, que me quite o traballo máis engorroso, pero despois reviso todo e son eu a responsable. Se ti lle pides algo que non sabes facer, tampouco vas saber se está ben ou mal.
É dicir, non pode haber IA útil se non hai intelixencia humana detrás.
Exacto. Eu non me fío de nada que non poida revisar. Se eu sei a resposta, podo detectar moitas cousas que fai mal. A mensaxe é esa: a IA ten que potenciarte ou facerte máis produtivo, pero evitar que te substitúa.
No seu caso, traballa en que a IA sexa máis sostible. Que significa iso?
Que temos que deixar de ver a tecnoloxía como algo etéreo. Cando dicimos que as nosas fotos están na nube, non están flotando, están nalgún sitio. Os programas de IA tamén están normalmente en grandes centros de datos, e iso consome enerxía. Ata hai pouco era un consumo máis ou menos asumible, pero coa chegada do ChatGPT, da IA xenerativa e da IA científica, o consumo disparouse. Ao principio preocupaba moito o proceso de adestramento dos modelos, porque leva tempo e consome moita enerxía. Agora tamén preocupa o uso masivo, porque millóns de persoas empregan estas ferramentas constantemente. Iso implica consumo enerxético, emisións de CO2, consumo de auga para refrixerar centros de datos e tamén problemas sociais...
O futuro non se entende sen IA, podemos dicir que o presente tampouco?
Xa estamos aí. Non sei se nalgún momento haberá unha burbulla que se pinche un pouco, pero que a IA desapareza agora das nosas vidas non parece posible. De feito, en moitos ámbitos xa a estamos utilizando aínda que non nos decatemos. Temos que adaptarnos e sacar o bo desta ferramenta, que ten moitas cousas boas. Eu non estou en contra da IA, obviamente, pero gústame alertar tamén das cousas malas.
Que papel debe xogar a educación?
É clave. A educación e a alfabetización dixital son fundamentais. Igual que se empeza a aprender inglés aos 3 anos, eu empezaría con nocións de informática para acabar chegando á IA. Esa alfabetización debe ser tamén para persoas maiores porque se non a fenda dixital será moi grande.
Que avances máis prometedores ve a curto prazo?
As empresas tecnolóxicas dirán que queren chegar á intelixencia artificial xeral, unha intelixencia máis parecida á humana. Pero para min os avances máis interesantes están en campos como a medicina. A intelixencia artificial ten moitísimo potencial porque hai moitos datos, e onde realmente brilla é extraendo patróns ocultos deses datos. Pode axudar a detectar cousas en radiografías ou probas médicas que hoxe unha persoa non ve. Non digo substituír o médico, nin moito menos, pero si servir de ferramenta de apoio. Incluso en tarefas de coidado pode axudar. Lembro unha charla na que falaban de robots con IA que axudaban a coidar pacientes con alzhéimer. Ao principio non me gustou, pero os coidadores humanos estaban moi contentos porque lles aliviaba un traballo que é durísimo.
“No campo da Medicina vexo un futuro moi prometedor porque isto é algo que nos pode beneficiar a todo o mundo”
Ten aspectos moi positivos, pero debe de estar controlada...
Exacto. Hai usos moi bos que podemos facer destas tecnoloxías, pero sempre con sentido, moi probados e baixo condicións de garantía. En Europa regúlase máis, pero noutros sitios non tanto. Pero eu en medicina vexo un futuro prometedor, porque é algo que nos pode beneficiar a todos. Gústame pensar que no futuro a intelixencia artificial sirva para curar enfermidades, para apoiar o descubrimento científico ou para mellorar a vida das persoas.
Cales son os principais riscos?
Un risco importante é o mal uso, pero tamén o abuso. Ás veces matamos moscas a canonazos, buscamos cousas en ChatGPT que serían máis fiables se as buscásemos noutras fontes e, ademais, acabaríamos antes. Tamén me preocupa que nos esteamos volvendo moi dependentes, xa non pensamos tanto, pedimos directamente que nos contesten unha mensaxe, que nos fagan unha tarefa ou que nos dean unha resposta sen esforzarnos. Iso pode facernos perder capacidade crítica. No estudio pode funcionar como un profesor particular marabilloso as 24 horas do día, pero non facer o traballo por ti, porque senón non aprendestes nada. E ao final depende da responsabilidade persoal de cada un
“Igual que se empeza a aprender inglés aos 3 anos na escola, eu empezaría con nocións básicas de informática ata chegar á IA”
Como muller, cre que o ámbito científico segue sendo cousa de homes?
Algo cambiou, e facía falta, pero aínda queda moito por facer. No meu campo, por exemplo, segue habendo poucas mulleres estudando Informática, e polo tanto, hai poucas catedráticas de Universidade ou en postos directivos. E está o tema das cotas, que teño sentimentos encontrados porque ás veces parece que te chaman polo feito de ser muller, pero entendo que ao final fan o seu efecto. Por exemplo, nos Premios Nacionais de Investigación no 2024 introduciuse unha nova medida e fixo que se presentasen moitas máis mulleres. Ás veces parece que nos custa máis presentarnos, que hai que empurrarnos un pouco...
Está entre o 2% de investigadores máis influíntes a nivel mundial...
Iso é unha honra e un gran logro. Cando investigamos algo e facemos unha publicación científica , se é interesante outros investigadores úsana e cítannos como fonte. Iso significa que os meus traballos están entre o 2% máis citados a nivel mundial, e iso é unha honra.
Carballo, o seu pobo, aposta claramente pola divulgación científica
Si, foi o primeiro concello coordinador do Pint of Science, o festival que acerca a ciencia á cidadanía, neste caso nos bares. Tivo moi boa acollida e imos xa pola terceira edición. Para nós é moi importante o apoio das institucións, como neste caso.











