Homenaxe a José Suárez
O Día das Artes Galegas do 2026 dedicóuselle ao fotógrafo alaricano, que comprendeu que a verdadeira grandeza non residía no extraordinario, senón na dignidade da vida cotiá

“Uns ollos vivos que pensan”, definiu Bergamín a obra de José Suárez. Ollos, mirada lúcida, consciente, reflexiva e incisiva. A fotografía posúe un privilexio que ningunha outra arte exerce coa mesma intensidade: deter o tempo sen interromper a vida. Unha imaxe é unha vitoria sobre o esquecemento, a captura dun intre que, de non ser pola cámara, desaparecería para sempre. A súa forza nace precisamente da súa aparente sinxeleza; non precisa adornos nin artificios, abóndalle a luz, a composición e a mirada de quen sabe descubrir a razón oculta das cousas. A fotografía máis poderosa é a máis espida e directa. Fugacidade convertida en “eternidade”.
Nese territorio sitúase a obra de José Suárez. O fotógrafo de Allariz comprendeu que a verdadeira grandeza non residía nos acontecementos extraordinarios, senón na dignidade da vida cotiá. A súa cámara detívose diante dos oficios tradicionais (telleiros, oleiros, segadores...), para revelar neles algo máis que unha simple actividade. Nos mariñeiros, nas teceláns inclinadas sobre os teares, no neno que soña que a “Javiota” o leve mundo adiante, Suárez deitou unha maneira de percibir a realidade. As súas fotografías non describen, interpretan; non ilustran, emocionan.
Cada rostro aparece cargado de humanidade; cada man, endurecida polo traballo, conta unha historia de esforzo, de abnegación e de coraxe. A través deses homes e desas mulleres, José Suárez construíu un retrato colectivo da alma galega: austera, resistente, fondamente vinculada á terra e ao mar, mais tamén aberta á beleza cadenciosa da existencia. Nas súas imaxes non hai folclore nin idealización; hai respecto, proximidade e unha inmensa capacidade para dignificar o ser humano.
Esa mirada acompañouno tamén no exilio. No Uruguai, na Arxentina, no Xapón, Suárez ampliou horizontes sen abandonar nunca o esencial da súa proposta. Soubo descubrir a mesma emoción entre os cultivadores de perlas orientais e os mariñeiros galegos; a mesma afinidade entre as sombras sobre branco de El Toboso, do Campo de Criptana e da illa de Eivisa; a mesma nobreza nos gauchos pampeanos que nos labregos da súa infancia. Mudaban as paisaxes, os idiomas e os costumes, pero permanecía intacta a procura da verdade. Por iso a obra de Suárez, sendo profundamente galega, transcende Galicia, ao atinxir unha raíz universal. As súas fotografías atravesan fronteiras e épocas, constatando que detrás de cada oficio, de cada rostro e de cada mirada existe unha historia compartida. Nesa capacidade para transformar o particular en universal reside a permanente vixencia da súa obra.
O salón de actos da Real Academia Galega de Belas Artes, acolleu, o pasado día 30, un recital poético na súa homenaxe. Ausentes, por imprevistos de última hora, Emma Pedreira e Miguel Anxo Fernán-Vello, interviron Eva Veiga, Teresa Ramilo, Xosé Iglesias, Antón Reixa e este cronista. Sobre o fondo dunha pantalla na que se reproducían as fotos de Suárez e con sendos discursos, de apertura de Xurxo Lobato, e de peche de Celestino García, os versos puxéronlle ritmo, concepto e son a unhas imaxes que, unha vez máis, dicían máis ca mil palabras.











