
Memoria, finitude, dor, renovación, esperanza…, son conceptos ou, máis que conceptos, sentimentos que definen o libro de Pérez Estevez, “Non plantaremos o millo en abril” (Editorial Caldeiro. Malpica, 2026). Un santuario da ausencia, das feridas que non pechan por completo, aínda que aprendamos a vivir con elas, igual que unha árbore convive con algunha póla seca.
O tempo pasa e a vellez, a decadencia e a enfermidade chegan sen avisar e sen permiso. Sombras discretas que, paseniño, van ocupando cada vez máis espazo: mudan os horarios, alteran os costumes, transforman as relacións. E, o que resulta máis doloroso, modifican os rostros e as voces dos que amamos: o deterioro dos seres queridos é unha das experiencias máis difíciles de afrontar. Ver, impotentes, como lle diminúen as forzas, como se lles nubra o intelecto, como o corpo perde capacidades… é asistir a unha lenta despedida na que o único consolo é o cariño. Decatámonos neles da nosa propia debilidade, de que a existencia está feita dunha materia tan fermosa como fráxil.
É aí cando a poesía revela a súa utilidade. Non como un luxo nin como un adorno, senón como unha sinxela chave, como recorda no limiar Fernández Davila. Non elimina a dor, pero axúdanos a expresar o que sentimos, a ordenar o caos das emocións e a atopar un sentido onde non había máis que escuridade. Un poema pode erixir a perda en gratitude, o sufrimento en comprensión e a ausencia en presenza interior. A través das palabras aprendemos que amar tamén significa deixar marchar, que toda existencia é efémera e, precisamente por iso, preciosa: “chove /sobre o millo que non plantamos onte/ chove/ sobre a terra onde a suor tingue todo”, escribe Pérez Estévez.
Outro elemento esencial neste libro é a casa, conxunto de paredes, pezas e recantos, mais tamén referencia familiar e patrimonial. O lugar onde habita a memoria: cada cuarto conserva voces, ecos; cada obxecto unha vida secreta feita do tacto, das mans que o tocaron. Risas, conversas, silencios, chegadas e despedidas..., a casa é o centro do que fomos e do que somos: “Xa estás de volta na casa/ aínda cheira a salitre a túa sombra/ reconquistando o teu lugar/ fronte á mesa da cociña”, di Víctor noutros versos.
Integración
Lugar de refuxio e protección, escenario de conciliación no que conviven os recordos dos que xa non están coa a esperanza dos que medran, ata comprender que a paz non consiste en esquecer a dor, senón en integrala.
Nese proceso, as nenas representan a promesa, a sorpresa, a curiosidade e a capacidade de marabillarse ante aquilo que os adultos xa non vemos.
Os seus xogos devolven o movemento ao que ficara inmóbil e as súas preguntas obrígannos a mirar cara ao futuro, cando a melancolía nos empurra cara ao pasado. Porque mentres uns marchan, outros chegan, e mentres unhas voces se apagan, outras comezan a nomear, por primeira vez, o mundo.











