“Pel memoria”
O libro de Silvia Tasende celebra o erotismo como fonte de pracer e de coñecemento

“… Poemario escrito sobre jazz e trompeta, en noites espidas, nas que os pés se fregan e os xeonllos se encaixan. Onde os corpos famentos medran da brisa ao ciclón e da mar picada ao maremoto”. O propósito, a definición queda clara. O libro de Silvia Tasende, “Pel Memoria (Medulia Editorial. A Coruña, 2026. 98 páx.) remite a Kavafis de maneira expresa na cita que precede aos textos: “E bebín un viño forte, como só os bravos beben o pracer”, cunha diferenza substancial: o que en Kavafis é pasado, en Tasende é venturoso e gozoso presente, na liña da máxima de Xavier Seoane: “Os corpos que apodrecen son os que non amaron” ou dos “Poemas de amor sen morte”, de Claudio Rodríguez Fer.
Fronteira entre o interior e o exterior, territorio de contactos transformadores, a pel atesoura caricias, abrazos, estremecementos, pero tamén as marcas de fracasos e decepcións. A pel lembra. Mesmo cando a consciencia esquece, nomes, rostros e datas persisten inscritos na xeografía que nos envolve: “Recorda, corpo, no só canto te amaron;/ non soamente os leitos nos que xaciches,/ tamén aqueles desexos que por ti/ escintilaban nos ollos e tremaban na voz/ -e algún obstáculo impediu que se lograsen./ Agora que todo é xa pasado…, recorda, corpo”, di, no seu célebre poema, Konstantino Kavafis, dirixíndose ao corpo, parte física, material e sensible da persoa.
A elexía de Kavafis (“agora que todo é pasado”) non celebra un erotismo triunfante nin unha paixón actual, celebra a persistencia da lembranza na que o corpo, arquivo secreto no que permanece o vivido, rexistra encontros consumados e anhelos que ficaron incumpridos. A intensidade do que non chegou a suceder pode resultar tan poderosa como a experiencia real. A imaxinación completa o que ficou incompleto, erixindo a ausencia nunha forma de presenza. O tempo, que tantas cousas destrúe, non consegue borrar por completo a pegada do desexo: “O de-sexo leva o sexo dentro, /como todos nós./ Mais o desexo desborda o sexo/ ao reproducirse oportunamente en cada recanto,/ como a herba da Pampa”, escribe Silvia Tasende.
Refuxio
Cada persoa leva gravada a súa historia: “Como en nada grava o tempo no rostro”, di Novoneira. Unha sucesión de experiencias, de golpes materias e morais, de feridas físicas e sentimentais, de emocións inscritas, sedimentadas na “memoria da pel”: a calor dunhas mans, o timbre dunha voz, a transformación das miradas..., o corpo conserva sucos e enrugas como un vello manuscrito amarelecido polos anos.
Os poemas de K. Kavafis e Silvia Tasende reflicten tamén a fugacidade do fulgor erótico, da xuventude que esvaece, dos amantes que se afastan, das circunstancias que mudan. Mais queda a lembranza da plenitude, refuxio ao que podemos acudir. Entre a posesión e a perda, entre o logro e a decepción, a pel recorda. E nese recordo reside unha forma de vitoria, porque aquilo que foi amado, desexante e desexado, permanece vivo, como as brasas que aínda quentan e se resisten a converterse en cinza. “En polvo enamorado”.











