Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
La Galería

Fernando Fernández Rego | “En España, o único comparable a Do Barro é Joan Manuel Serrat”

Fernando F. Rego libro Andrés do Barro
Fernando F. Rego  
Jorge Meis
banner-620x50
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620
MCDONALDS 620X50

 ‘A xénese do pop en galego’, que Fernando Fernández Rego –Ferrol, 1979– vén de publicar na editorial Galaxia, é a biografía definitiva dunha figura “pioneira, luminosa e imprescindible na historia da música galega”, como sinala o seu autor. Rego leva moitos anos analizando polo miúdo as circunstancias que levaron a este ferrolán de pai militar a situar o galego no máis alto das radiofórmulas con ata catro temas entre finais dos 60 e comezos dos 70, un logro que só igualaría, na súa lingua, Joan Manuel Serrat, en 1996.

O pasado día 18 presentou a biografía na Casa de Galicia de Madrid, coa presenza da súa filla, Andrea, e a súa neta Lucía, e cunha afluencia de máis de 200 persoas. O impacto de Do Barro na súa época foi tremendo...

Hai que ter en conta que o que acadou Andrés non se volveu acadar a ningún nivel por ningún artista galego nin nacional: logrou catro números 1 cantando en galego en plena ditadura (do 69 ao 72) e a realidade é que desde entón non volveu haber un número 1 de vendas en galego. E pasaron case 60 anos... O único comparable é Serrat, que si chegou ao máis alto cantando en catalán, catro veces tamén, pero o último en 1996 e cando as cifras de vendas xa eran distintas. O de Andrés foi algo sen parangón e é curioso que na súa cidade natal non haxa aínda unha reivindicación real da súa figura. É certo que ten unha rúa transversal coa Coruña, pero, por exemplo, non hai ningunha estatua, ningún monolito, ningunha placa, nin ningún recoñecemento, e coido que é unha mágoa porque estamos falando do artista galego máis importante, sen ningún tipo de dúbida.

Sostén que é a primeira ‘popstar’ de Galicia...

Foi a primeira icona pop que tivo Galicia. Todo o anterior foron orquestras, Los Tamara, Los Players, Sprin-ters... algúns que foron virando ao pop, pero realmente a primeira figura pop é el. Con Andrés comezou o fenómeno fan, tiña clubs de fans por toda España, recibía milleiros de cartas, fixo unha película con Concha Velasco, o seu segundo disco foino gravar a Roma aos mesmos estudos nos que estaba gravando Nicola di Bari... A súa vida era pública na prensa musical e na prensa rosa, cun número de portadas naquela época que puido superar o cento: en Lecturas, Semana, Garbo, Mundo Joven... Os seus discos editáronse en Alemaña, Portugal, Arxentina, México, Venezuela... Foi unha auténtica loucura. Acadou o recoñecemento entre o 69 e o 72, que son os dous discos que grava con RCA, pero logo hai un descoñecemento brutal da súa etapa en Belter, a quen entrega cancións marabillosas que non son recoñecidas polo gran público: temas góspel, de folk americana, ritmos que se achegan á bossa nova... Ademais, non hai que esquecer que os catro números 1 son letra e música súas (‘O tren’, ‘Corpiño xeitoso’, ‘San Antón’ e ‘Pandeirada’). Na primeira época tivo algunha colaboración, pero Andrés foi ante todo compositor, e iso é algo que ás veces queda por reivindicar como é debido.

Daquela época en que foi un pioneiro, foille posible rastrexar os seus referentes, as súas inspiracións?

É certo que sempre hai algún antecedente, pero neste caso eran, sobre todo, orquestrais. E hai que ter en conta que a maior parte dos grupos que comezan a virar ao pop –en Ferrol temos o exemplo dos Sprinters–, que gravaron sete LPs con Fontana, utilizaban o castelán. O que distingue a Andrés é que aposta polo galego. As súas influencias foron os grupos desta época e, nese sentido, os Beatles foron fundamentais nos anos 60 non só para Andrés, senón para calquera que collera unha guitarra, pero tamén admiraba artistas franceses e brasileiros. O que temos que ter claro é que Andrés é quen pon esas pedras e é el o que empeza a crear unha canción de autor propia: o seu maior logro foi construír ese primeiro referente de pop galego e en galego. A xente que veu despois débelle moito a Andrés, algúns directamente e outros de xeito indirecto.

Si goza de simpatía e admiración por parte das xeracións posteriores. Cúmprense case vinte anos daquel ‘Manifesto dobarrista’...

Exacto. De feito, ten dous discos de homenaxe, ese de 2007 –o ‘Manifesto dobarrista’– e o de 2021 que lle fixemos nós, en Ferror Récords, titulado ‘Unha ollada dende Ferrolterra’. O máis curioso é como neses 15 anos observamos esa homenaxe interxeracional e mesmo en 2023 un grupo punk de Santiago de Compostela como The Eskarallas fixo unha visión de ‘O tren’. É dicir, a súa influencia chega ata hoxe en día, trinta anos despois do seu pasamento. Direi, en todo caso, que a escena musical sempre lle tivo un gran cariño.

El era de familia militar. Foi un problema que se dedicara á música en galego naquela altura?

Na súa familia había varios oficiais da Armada, entre eles o seu pai, pero el sempre foi unha alma libre, unha especie de ‘outsider’ e o certo é que tivo o apoio do pai. Eu estoulle moi agradecido á súa filla, Andrea, porque me permitiu acceder a todo o material, como as cartas manuscritas do pai de Andés aos comandantes ou coroneis durante a súa etapa da mili nas que vemos como intercedeu para que lle desen os permisos para poder actuar. O mesmo que cando fixo os estudos de náutica, e iso cando estaba considerado un “separatista gallego’. El estudou no Tirso de Molina e no Concepción Arenal e a súa lingua era o castelán, o que pasa é que en San Martiño do Porto, en Cabanas, onde veraneaba a familia, hai unha señora do servizo, Cipriana, que falaba en galego e foi aí cando ten unha especie de ‘frechazo’ e desde ese momento toma a decisión: no primeiro disco escribe que canta en galego porque así o sentiu e porque quere reivindicar un idioma menosprezado durante décadas. Debemos subliñar que todas as súas composicións foron en galego, cando o seu entorno era castelán-falante.

Vostede xa se aproximara á figura de Andrés hai máis dunha década con outro libro e nunca deixou de reivindicala. Agora, nesta biografía definitiva, que supuxo entrar en contacto con ese material familiar íntimo ou que ata o de agora permanecera inédito?

O libro de 2015 coa Fonoteca vendérase moi ben, chegara á cuarta edición, e foi curioso que se vendera máis en España que en Galicia, o que demostra que Andrés foi moi querido en todo o país, sobre todo pola xente que viviu aquel fenómeno en directo. A investigación continuou, eu son coleccionista de material de Andrés, e seguín buscando coa idea de non quedar aí. Algo moi bonito que me dixo a súa filla é que neste traballo se emocionou moito porque lle deu a sensación de que era o propio Andrés o que lle estaba contando as cousas. Eu traballei toda a hemeroteca, puxemos en común o material que tiñamos e iso levounos a avanzar. O extraordinario son os manuscritos, as cartas da súa muller, Paula, o diario de xira de cando estivo en Arxentina ou Brasil... No libro aparecen moitas fotografías inéditas, do arquivo familiar... Neste tempo, ademais, apareceu o máster do seu disco perdido que publica Rama Lama en 2020. Con tanto material novo, era necesario facer unha revisión en profundidade.

Visto desde a perspectiva de hoxe, cal foi a clave do seu éxito?

El mesmo dicía que cantaba mal e que non era guapo... Creo que, sobre todo, o seu éxito está na súa honestidade. Foi unha persoa que tivo unha mensaxe que mantivo ao longo da súa vida. Sobre a súa voz, pois ao mellor pasoulle como a Bob Dylan: non son voces barítonas, nin líricas, nin académicas... Pero a marabilla do pop é esa: podes non ter unha gran voz, pero si unha mensaxe que cala fondo. E a mensaxe de Andrés calou, era unha persoa moi querida e moi humilde. Creo que a expresión máxima da saudade na música galega é Andrés. Conseguiu transmitir emocións coa súa voz aos oíntes. Cando escoitei ‘Que lonxe fun’, un dos temas que apareceron no disco perdido, emocioneime porque é como unha mensaxe que nos manda desde o pasado. Andrés pasouno mal na emigración en México, tamén con ese ostracismo que viviu, o público que lle dera as costas, os medios que comezaron a ignoralo... Coa súa tendencia á depresión e a morte do seu pai pasouno moi mal. Era unha persoa moi sentida.

Hai unha corrente que pide que se valore a candidatura de Andrés do Barro para o Día das Letras Galegas. Sería unha excepcionalidade, pero danse as condicións para que nalgún momento poida chegar a materilizarse?

Sempre digo que, non só no caso de Andrés –eu son de Ferrol e reivindico a súa figura–, a cultura popular ten que traspasar esa barreira do academicismo e das institucións. É moi importante que estes artistas estean nos libros de texto porque é unha maneira de normalizar a nosa cultura. Na provincia da Coruña hai máis estatuas de John Lennon que de Andrés do Barro, e iso creo que é algo que nos debería dar que pensar. No momento en que normalicemos as nosas referencias, a visión que teñamos sobre os nosos artistas será distinta. Isto mesmo pode pasar con artistas como Ana Kiro, Suso Vaamonde... Os anglosaxóns sempre van por diante de nós: é moi doado atopar unha camiseta dos Beatles, dos Rolling Stones, de Nirvana ou de Motörhead, pero aquí parece que se reivindicas a cultura popular propia es un antigo e un ‘viejuno’. É como se nos mofaramos de Rosalía, de Curros e de Pondal. E non: os pioneiros merecen un recoñecemento. Se hoxe temos as Tanxugueiras ou a 9Louro é porque partimos de aí. Os que puxeron a primeira pedra merecen ese recoñecemento, comezando por Ferrol.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620