
Organizados polo Concello e polo Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, veñen celebrándose unha serie de tertulias con “escritores do ámbito galego e estatal con xornalistas locais para falar de literatura, creación e actualidade cultural”. Pola biblioteca Ángela Ruíz Robles, escenario dos encontros, pasaron Víctor Freixanes, Carmen Becerra, Ángel Basanta, Darío Villanueva e Manuel Rivas. Pechará o ciclo Ignacio Martínez de Pisón o próximo martes 9 de xuño.
A Medos Romero e a min tocounos o pasado día 19 de maio. Medos non puido asistir por unha inoportuna gripe.
Tiven a honra de ser presentado polo concelleiro de Cultura e querido amigo Pepe Ponte. Despois, o excelente traballo de documentación e de enfoque de Alicia Seoane, que me acompañou na mesa, fixo innecesario o recurso ás notas que levaba preparadas e que, por aquilo de non traballar de balde, resumo a continuación, sobre o que denominei sinxelamente “oficio poético”:
Ao longo da historia a poesía serviu para transmitir valores, denunciar inxustizas e darlle voz a quen non a tiña. Antes mesmo de que existise a escrita, xa había palabras que se repetían cargadas de emoción e significado, que buscaban revelar o que adoita permanecer oculto. Elemento de resistencia e de memoria colectiva, nunha sociedade que tende á rapidez e á superficialidade, a poesía párase, observa e afonda nun espazo no que a palabra recupera o peso da verdade.
O amor, o medo, a perda, a esperanza, a soidade…, a poesía permite nomear o que semella innomeable, darlle forma ao difuso, ordenar a desorde. Sexa como experiencia individual ou como integración colectiva: un poema escrito hai séculos continúa a emocionarnos porque, malia a distancia temporal e as diferenzas de contexto, recoñecemos nel algo que nos pertence, que sentimos “noso”.
A poesía vén dada, en canto que o impulso inicial abrolla espontaneamente. Podemos cultivar a sensibilidade, adestrar a atención, perfeccionar os recursos, pero non podemos forzar a aparición dese momento no que a palabra se fai necesaria. Entendida así, é unha resposta a algo que nos excede. Poder ser unha emoción, unha experiencia, unha intuición difícil de definir... O poeta sitúase nun lugar intermedio: escoita, recibe e elabora. Nese proceso, a linguaxe convértese nunha ferramenta de análise, estudo e revelación.
Intensidade
Polo xeral, o impulso poético non xorde en terreos neutros nin en vivencias opacas: precisa dunha intensidade que o impulse, dun desequilibrio que o interpele. Nesa tensión permanente reside a súa forza. E nace da experiencia. Non hai poema verdadeiro que non estea, dun xeito ou doutro, informado polas vivencias de quen o escribe. Non como simple transcrición ou confesión directa, testemuñal, pero si como transformación.
A experiencia convértese en materia poética ao pasar por un proceso de decantación, de interiorización e de axuste formal. O poema non reproduce a vida, pero aliméntase dela; non a copia, reinterprétaa e ilumínaa desde outro ángulo.











