
Cando o equipo de sanitarios acode a unha chamada de emerxencia atopa unha muller agoniante. Sen identidade coñecida, arredor de trinta anos, garda na súa mochila un caderno: “As páxinas estaban escritas cunha letra tremente e cada vez máis ilexible. O texto nun inglés seco, poético e brutal, semellaba un diario. Ou unha serie de confesións”.
Baixo o vello recurso do texto encontrado, Jacobo Paz Limia afonda nunha realidade dramática dos nosos días, con especial incidencia nos EEUU, mais tamén xa en Europa, concretamente en Irlanda: a do fentanilo. Así o recordou na súa intervención o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no curso da presentación celebrada días pasados no Salón de Plenos do Concello de Negreira, na que participaron o escritor e alma do certame, Xosé A. Ponte Far, o alcalde Manuel Leis e o autor premiado.
Certamente, debaixo das luces dos rañaceos e do ruído indiferente do tráfico, medran territorios invisibles onde a dor, a pobreza e a derrota converten a existencia nunha longa caída. Kensington, o barrio de Philadelphia, é o símbolo tráxico da devastación causada por unha droga potentísima e estremadamente aditiva, capaz de aliviar dores insoportables pero tamén de destruír vidas e esperanzas: “soñei co cuarto da miña infancia./paredes rosas./bonecas en fila./ espertei nunha calella sucia./ púxenme unha dose para esquecer/ que algunha vez/ fun alguén”, escribe Jacobo Paz Limia.
A obra de Jacobo Paz Limia mereceu o Premio Ardeiro, convocado polo Concello de Negreira co patrocinio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia
Centos de persoas “en Kensington” en tendas improvisadas, beirarrúas sucias e portais inhóspitos: corpos dobrados, sen vontade, convertidos en sombras estremecedoras. As imaxes dos afectados, movéndose coma espectros, impresionan pola súa dureza. Detrás de cada rostro hai infancias quebradas, enfermidades mentais, traumas, abandonos, violencia e soidade: “Carta ao pasado./ á nena que fun: non te asustes./ o final non doe./ só pesa un pouco./ como a choiva sobre un abrigo vello”.
É fácil caer no desprezo ou na condena moral; miralos coma se fosen doutra especie, culpables da propia ruína. Mais a marxinalidade raramente nace dunha elección libre. A pobreza, a falta de apoio afectivo, a exclusión social e a desesperanza crean un terreo fértil para a dependencia. Nese momento, a droga convértese nun refuxio terrible, nun xeito de silenciar a angustia dunha existencia frustrada.
Fraxilidade
A empatía resulta imprescindible. Non concibida como unha caridade desde arriba, senón desde a capacidade de recoñecer no outro a mesma fraxilidade que habita en nós. Médicos, voluntarios e traballadores sociais percorren as rúas de Kensington repartindo comida, roupa limpa, asistencia e palabras confortadoras. Ás veces un simple xesto —escoitar, chamar alguén polo nome, ofrecer unha manta— pode darlle un pequeno consolo a quen se sente completamente perdido.
Unha sociedade verdadeiramente humana non se mide só pola riqueza ou pola tecnoloxía, senón pola maneira na que trata aos derrotados. Mesmo entre a devastación do fentanilo, segue existindo a posibilidade da compaixón e da solidariedade. Aí radica a esperanza. Así nolo indica este libro.










