IA e impacto económico
A intelixencia artificial está a transformar o mercado laboral e o tecido económico xerando oportunidades e incertezas

A capacidade da IA para automatizar tarefas, analizar datos e producir contidos sitúaa como unha tecnoloxía de vangarda. Porén, este avance incide na creación e destrución de emprego que afectan a diversos ámbitos profesionais. De maneira directa, a IA está a provocar a desaparición progresiva de postos de traballo baseados en tarefas repetitivas ou facilmente automatizables. Asemade, sectores administrativos, como a xestión de datos, a contabilidade ou a atención ao cliente, están a experimentar unha redución de persoal debido á implantación de sistemas automatizados capaces de realizar estas funcións con maior rapidez e menores custos. Non obstante, tamén se están xerando novos empregos relacionados co desenvolvemento, mantemento e supervisión destas tecnoloxías, aínda que estes postos requiren unha cualificación máis elevada.
Desde a perspectiva económica, a IA pode contribuír a aumentar a produtividade e a eficiencia das empresas, o que potencialmente se traduce en crecemento, pero é posíbel que agrave as desigualdades, xa que os beneficios desta transformación tenden a concentrarse en determinados sectores e perfís profesionais, ficando outros desprazados co conseguinte deterioro nas súas condicións laborais. No que atinxe ás carreiras técnicas, a IA supón un desafío e unha oportunidade. Por unha banda, axiliza procesos complicados e facilita o deseño e a simulación de sistemas, o que permite aos profesionais centrarse en tarefas de maior complexidade. Por outra, esixe unha actualización constante de coñecementos e habilidades, ao evolucionar ferramentas e linguaxes a gran velocidade. Nas profesións administrativas, o impacto é claramente substitutivo, obrigando a unha reconversión laboral case sempre traumática. Tampouco as humanidades fican á marxe desta transformación. A análise de textos, a tradución automática e a xeración de contidos están a modificar o papel de tradutores, correctores e redactores. A IA pode ser unha ferramenta de apoio útil, pero introduce o risco da banalización e da perda de calidade cando se emprega sen a necesaria supervisión crítica.
Arte
A preocupación está xustificada no ámbito da creación artística. Na música, por exemplo, existen algoritmos capaces de xerar miles de cancións en minutos, imitando estilos, voces e estruturas compositivas. Isto abre un debate sobre a autoría, a orixinalidade e o valor da creación humana. Algo semellante ocorre coa literatura: a IA pode producir novelas, ensaios ou poemas que, en ocasións, resultan difíciles de distinguir dos escritos por persoas, o que complica a identificación da autoría real das obras e cuestiona os criterios tradicionais de valoración artística.
Músicos, artistas e escritores temen, con razón, a perda de oportunidades laborais e a desvalorización do seu traballo pola saturación do mercado con contidos xerados automaticamente. Abrollan, ademais, cuestións éticas e legais relacionadas cos dereitos de autor, xa que moitos sistemas de IA adéstranse a partir de obras preexistentes, sen obter, previamente, o consentimento dos seus creadores.
Gústenos ou non, a IA está a redefinir o panorama laboral e creativo dun xeito acelerado e imparable. A súa axustada integración require equilibrar o apro- veitamento das vantaxes co respecto polos dereitos e o valor do traballo humano.











