
David Perdomo –A Coruña, 1979– partilla unha sociedade imbatible con Xosé Antonio Touriñán desde que argallaron a idea nas longas noites da corentena pola covid. Desde entón, hai máis de seis anos, teñen levado aos escenarios de medio país tres espectáculos. O último deles, ‘Amoriños’, está en circulación.
Cal cre que é a clave para que encaixen tan ben sobre o escenario, para que haxa tan boa química?
Nós seguimos sorprendidos cada vez que subimos a un escenario e vemos o teatro cheo; é unha cousa que nos ocorre practicamente en todas as funcións. Despois de case tres anos do primeiro espectáculo –‘Corentena’, logo ‘Corentena. Game Over’ e agora ‘Amoriños’– e de que vaian acumulando, aínda que dá un pouco de vergoña dicilo, éxitos, aínda estamos sorprendidos de que a xente responda igual. Ao principio pensabamos que a xente estaba agradecendo o que fixemos durante a corentena, pero creo que ese conto xa rematou hai tempo. Se o que estamos facendo non tivera certo valor humorístico ou artístico non seguiría nos teatros. Ao final, o éxito é o que apuntabas: a complicidade que temos, pois hai máis de vinte anos que traballamos xuntos e o que facemos agora é o que faciamos daquela, creando personaxes nos cafés teatro. Naquel momento en que nacía o stand-up comedy, Touriñán mais eu estabamos formándonos como clown e en disciplinas humorísticas máis concretas, e dalgunha maneira o que está pasando é como volvermos a ese punto de partida. A nivel persoal, é unha forma de nos sentir orgullosos de ter establecido unha maneira de facer humor moi nosa, moi particular, e, por outro lado, que lle chegue á xente e que a resposta que nos devolva sexa sempre tan marabillosa, tan agradecida, como se fósemos os curmáns divertidos que chegan a casa.
Ata que punto é atractivo para o público o feito de seren dous tipos tan diferentes?
Coido que o mecanismo que temos ás veces nas nosas personalidades si ten un impacto porque, ao final, crea algo que está pechado en si mesmo, que é esa simbiose que temos el e mais eu no escenario, onde aí xa se perde o feito de que un sexa dunha maneira e o outro doutra. A maxia parte precisamente de ser tan absolutamente distintos é de captar xente tan distinta. Haberá xente á que eu lle siga sin gustar, e viceversa, público que se cadra está máis preto de min porque eu veño dun espazo un pouco máis underground ou punk. Si penso que o que facemos é un pouco un crisol de xuntar moita xente e, por exemplo, ver as señoras da Fonsagrada, para as que son un tipo tatuado pero ás que lles cae en graza o pequeno. Rómpense moitos prexuízos, tamén pola nosa parte.
“Para nós, a marca, como dicía Clint Eastwood, é non deixar entrar o vello, non deixar que o que facemos se convirta en monotonía. A clave é que o pasamos ben”
Ao gozar de tanto éxito, teñen moita autoesixencia, moita presión, ao preparar o seguinte espectáculo?
Non, é unha presión máis de cara a nós. Penso que funcionamos ao revés da xente; como dicía Clint Eastwood, para nós a marca é non deixar entrar o vello, non deixar que se convirta nun traballo monótono. Penso que as veces que máis puidemos chocar Touri e mais eu é cando non o estamos pasando ben, cando estamos en modo traballo, porque é aí, precisamente, cando se perde a maxia. Temos demostrado que cando nos sorprendemos o un ao outro e estamos pasándoo ben, construíndo, é cando os espectáculos se fan grandes. Esta semana aínda estivemos en Vigo e en Cee, e aínda segue pasando, seguen saíndo chistes novos e é onde ves que o espectáculo segue vivo e que o humor é igual que a vida: vai evolucionando, vai cara a lugares distintos. O único punto crítico é que nós o esteamos pasando ben; no momento en que iso non pase, fodeuse todo, a corentena, a parella cómica... A pesar de que os cómicos e os artistas temos que ter, case por obriga, ego para poder traballar nisto, neste caso os egos quedan un pouco na porta e o que temos é unha admiración profunda polo compañeiro e se ti procuras coidar o teu compañero para que brille, el vai facer que ti brilles tamén.
Falaba nun espectáculo en solitario, ‘Level Up’, de que en cada concello e en cada pobo había un público diferente. É unha brincadeira ou é así realmente?
Falo completamente en serio. Mira, de feito, para min, e vouno dicir aquí e me van matar, pero dáme igual, para min, na miña experiencia, o mellor público e onde mellor o pasei foi en Vigo, no García Barbón, por ser, por dicilo así un público sureño; noutros sitios son públicos máis para dentro e así como o da Coruña é un público moi fodido, moi burgués, que se toca o mentón ao falar, o de Ferrol gústame porque, curiosamente, e mira que eu lle meto zapatilla a Ferrol, eu síntome ferrolán; alí teño familia, amigos, coñezo o argot e sigo pensando que o koruño nace dun ferrolán que chegou á Coruña. A cosmogonía ferrolá mólame moito e para min un ferrolán é como un koruño con pachorra e un puntiño máis bravo, de mala hostia. Adoro Ferrol, gústame moitísimo e penso que todas as cousas que saíron de ahí son criminais, tanto o bo como o malo.
“As redes sociais son para min unha escravitude; son máis libre, feliz e conectado coa miña vida cando non estou nelas”
Cantos problemas lle trouxo esa sinceridade coa que fala? Porque ser sincero significa ser tamén valente... Algunha vez pensou tras un espectáculo que se cadra tería que ter calado algunha cousa?
Eu son moi bocazas, non teño filtro e iso é unha cousa que tiven que depurar un pouco, pero nunca considerei que decir o que pensas é xa un defecto. Eu teño moi poucos amigos, aínda que soe a tópico, pero é verdade, e non acepto a deshonestidade, non vou a entregas de premios, non sei levar redes sociais porque nese sentido son moi humano, que creo que é o guai do cómico. Ser sincero meteume en problemas, si, pero penso que é unha marabilla que te metas en problemas por dicir o que pensas. No mundo actual, a xente é unha opinión, non é unha personalidade, e é moi fodido entablar unha conversa natural con respecto a nada; a min encántame debater e si que é certo que ás veces tiven que morder a boca e pedir perdón porque cando sobes ao escenario es unha persoa que concentra e reclama atención. Hai cousas que dixen que están fatal, que son horribles, pero é que son gilipollas e gústame facer humor, non para facer mal, como pode pensar algunha xente, porque nese caso sería un psicópata. Eu fago humor, non estou matando a ninguén.

Debe ter límites o humor?
Para min o problema non é o límite do humor, que é unha cousa de agora. Estamos hipercomunicados, enterándonos do que está pensando o fulanito de tal que, dito sexa de paso, me dá igual o que pensa. Ti imaxinas a Santa Inquisición con Twitter? Pensamos que sería distinto? A diferenza é que agora hai acceso e sabemos o que pensa José Luís, que vive en Albacete, que entra no teu muro e diche ‘puto enano que dijiste esto...’. E ti estás apenado unha semana e, ademais, lévalo ao paroxismo e pensas que ‘todo o mundo’ pensa como José Luis, cando non é todo o mundo, senón José Luis. Despois temos un caldo de cultivo absolutamente reactivo por todo e a min sorpréndeme que agora poidas dicir Adolf Hitler pero non gorda. A min que me vaian explicando, porque si que é certo que a realidade dos cómicos pasounos pola dereita. Teño 46 anos, cheguei onde quería chegar e hai moito tempo que me afiliei ao club de ‘non teño nin puta idea de nada’.
Foxe das redes sociais?
Absolutamente. Instagram xa se converteu hai tempo nunha especie de Tinder; como se dicía en ‘Drácula’, é un pútrido invento da vaidade humana, un espello para fomentar malformacións mentais... As redes para min son unha escravitude e eu síntome moitísimo máis libre, máis feliz e máis conectado coa miña vida cando non estou nelas. En momentos máis escuros da miña vida cando necesitaba máis aceptación ou estaba en procesos depresivos si me supervolcaba nelas, pero decidín afastarme e vivo mellor; agora teño un uso máis normal e se me apetece subo algo e se non me apetece, non. Esquecimos que o teléfono é para falar.
“A cosmogonía ferrolá mólame moito e para min un ferrolán é como un koruño con pachorra e un puntiño de mala hostia”
Comentaba recentemente Pepo Suevos que non vía unha remuda xeracional nos cómicos galegos. Non sei se está de acordo...
Comparto completamente a opinión, pero si que é certo que nós tivemos un espazo, unha escena na que entraba o teatro, os grupos de música, os contacontos, que foron unha revolución constante. En Galicia aproveitouse moito o auxe da stand-up comedy, que empezou no 2000 e a nós colleunos con 20 anos e en gran medida recollendo a tradición oral galega levada aos escenarios e aplicando disciplinas como o clown. Logo hai moitos que marcharon, como David Suárez a Madrid; outros, como Pablo Meixe, aproveitaron o medio que lles dá a súa xeración, que é TikTok; Pepe y Lucas, Mandayo... rapaces que coas súas formas e o seu estilo fan humor. Penso que como xeración non, pero si que hai xente galega por aí que deixa o nome de Galicia alto.
Segue a ter tempo para cultivar a súa outra gran paixón, a música...
A verdade é que non teño e iso que eu sempre me sentín máis cantante ou músico que actor ou cómico, que foi como de rebote. É unha maneira de expresarte distinta. Eu sempre estiven na escena underground, con Brainwash e con todo ese circuito de xente de Ferrol que faciamos brutal death metal e grindcore, e despois tivemos Señor Peligro... Agora ben, aos meus anos xa non estou tan enfadado e teño unha banda de estudio, que se chama Aquella Sombra Muerta e gustaríame ter unha banda de versións de Johnny Cash, máis rockabilly ou algo máis blues, é dicir, o que fan os metaleiros cando se volven vellos.










