
Existe a orixinalidade? Xulia Kristeva definía a escrita como “un mosaico de citas” e afirmaba que “todo texto é absorción e transformación doutro texto”. Na mesma liña, Lotman afirmou que “o texto non é un produto individual, senón unha estrutura que pertence á cultura e fala a través do autor”. Agora ben, o que era unha simple concepción teórica pasou a ser unha práctica literal: a IA elimina o autor como instancia mediadora para que sexa o sistema quen “fale”. O texto pertence á cultura, entendida como un corpus de datos, como “un tecido de citas procedentes dos milleiros de focos da cultura”, en palabras de Barthes. A este respecto, non deixa de ser revelador que cando pretendemos reivindicar unha identidade “galega” levando a silueta dunha vaca na camiseta, estamos referenciando algo tan español como “el toro de Osborne…”!
M. Foucault sostén que o autor non é unha persoa, senón unha función discursiva, unha categoría que organiza, limita e axusta o sentido dos textos. Pero A IA pon en dúbida tamén esa función: se un poema pode ser xerado por un algoritmo, que autoridade conserva a persoa que o asina? Non estamos ante unha autoría meramente simbólica? A voz poética é unha desviación respecto da norma; en consecuencia, un poema auténtico, verdadeiro, non é intercambiable: porque fala dende a fondura, mentres que a máquina opera desde a superficie, sen interioridade nin vivencia. Pode simular emocións, pero non sentilas. Como sinala Bernard Stiegler, “a técnica tende a producir signos sen experiencia, imaxes sen lembranza, linguaxe sen memoria”. Porén, o límite entre creación e simulación é cada vez máis difuso. A diferenza radicaría non no texto en si, senón na intención de significar: Un poema pode escribirse sen intervención humana pero carecerá da “intención” que o fai necesario.
O que estamos cuestionando non é só o autor, é a mesma idea de creatividade orixinal, reducida agora á realización tecnolóxica que o estruturalismo imaxinou e o posmodernismo celebrou: unha cultura sen xerarquías, sen orixe e sen suxeito. Chegados a este punto descubrimos o seu lado escuro: unha intertextualidade neutra, sen forza nin dirección, un mar de palabras sen corpo e sen verdade que as sosteña.
Oportunidade
Con todo, algúns pensadores contemporáneos propoñen reinterpretar esta crise como unha oportunidade. Franco Berardi suxire que “a automatización da linguaxe non elimina a poesía, ao erixirse naquilo que escapa á automatización”. A poesía (e calquera escrita auténtica) sería o resto humano que resiste ao programado, o espazo da liberdade, da emoción e da voz. Ao escritor xa non lle corresponde xerar, producir. O seu labor é outro: buscar, seleccionar, intervir e decidir. Unha especie de mediador entre o algoritmo e a sensibilidade
É doado imaxinar un futuro no que a maior parte dos textos públicos —noticias, informes, comunicacións— sexan xerados por máquinas, e no que a literatura “humana” se converta nunha arte minoritaria, artesanal, case relixiosa. Quizais entón o autor recupere un valor semellante ao do artesán na era industrial: a proba de que aínda é posible crear sen reproducir de xeito masivo. Como escribiu fermosamente Maurice Blanchot “escribir é desaparecer, pero tamén permanecer na desaparición”.











