IA e creatividade, 2
Conceptos ata hai pouco vixentes e aceptados como norma, aparecen definitivamente cuestionados

“Hai máis escritores que lectores”, comentou Henrique Alvarellos. Ante tal cantidade de obras (noventa mil títulos cada ano en España, dos que soamente o 4% venden máis de 100 exemplares!) cabe preguntarse como distinguiremos o que foi escrito por unha persoa do que escribiu unha máquina? Poderiamos buscar trazos estilísticos, erros sintácticos ou patróns de repetición, pero esa fórmula está destinada a desaparecer debido a que as ferramentas da IA aprenden, precisamente, dos nosos propios textos. A medida que se perfeccionen irán borrando as marcas mecánicas, mimetizándose coa linguaxe humana e, nun sentido simbólico, converténdose nos nosos dobres (xemelgos virtuais).
A única diferenza residirá na intención: o poeta escribe por “necesidade”, a máquina porque alguén llo ordena. Mais tamén esa diferenza se invalida cando a produción xorde dunha demanda utilitaria (informes, artigos, comentarios, contidos para redes…) e non dunha “necesidade interior”. Unha boa parte da linguaxe pública é funcional, non expresiva, e a IA amplifica esa tendencia. Desaparece o concepto de “creación” reducíndose á capacidade de seleccionar e combinar o material que a propia IA nos fornece.
Porén, hai algo que a máquina non pode facer: vivir. A experiencia, a dor, o desexo, a memoria, o pracer ou a angustia son materias que non se poden programar. A IA pode describir un concerto con precisión léxica, pero non a emoción que ese concerto produce en quen o escoita; pode escribir un poema de amor, pero non amar. Daquela, o perigo está en nós: en que, fascinados pola súa eficacia, acabemos aceptando a simulación como suficiente, confundido a verosimilitude coa verdade. Se iso chega a suceder estaríamos renunciando a unha facultade esencial: a de sentir.
A cuestión a dilucidar é: estamos realmente ante o fin da autoría ou ante novas formas da mesma? Quizais a noción de autor se eslúa, pero iso non implica que desapareza. Pode que nos acheguemos a novos xeitos de escrita, na que o humano e o artificial dialoguen, se axusten e complementen. O escritor podería converterse nun “revisor” da linguaxe, alguén que guía a máquina introducindo os elementos necesarios para que o texto non perda o carácter “humano”. Nese suposto, o valor non residiría no produto, senón no propósito de achegar algo diferente, único.
Deber
A irrupción da IA obríganos a repensar o “significado” de escribir. Se todo pode ser escrito, o verdadeiramente valioso será o que non poida ser imitado: a autenticidade da voz, a tensión da mirada, a pausa que acompaña as palabras. Quizais a literatura do futuro sexa máis consciente, erixíndose o escritor en suxeito de resistencia: aquel que continúa a escribir obedecendo un deber, porque o quere dicir non admite outra maneira de expresalo.
A intelixencia artificial pon en crise o noso sistema cultural, pero tamén pode revitalizalo, obrigándonos a distinguir entre o texto neutro e a palabra viva. O perigo non está na ferramenta, que pode ser unha eficaz axuda. Está na confusión entre os remedios artificiais e as voces auténticas.










