Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
La Galería

Rosa Crujeiras, A reitora que abre o camiño

reitora da Universidade de Santiago de Compostela

Rosa Crujeiras
Rosa Crujeiras
Mónica Ferreirós
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620

A axenda, apretada, marca o ritmo. O tempo está tasado de xeito metódico, matemático. Por estatística, o empeño, a disposición, o traballo, a capacidade e o talento dan froito na xestión. Pero sen présa. As cousas ao seu debido tempo. Sen pretendelo xa forma parte da historia universitaria de Galicia. A partir de agora, agarda que xamais volva a ser extraordinario. 

Rosa Crujeiras (Artes, Ribeira, 1978) leva apenas unhas semanas como reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e os propósitos agroman como o de desenvolver o que será a nova estrutura do claustro, a renovación do persoal docente e técnico que se xubila, a busca de novas titulacións, a loita contra a precariedade económica ou na procura de logros sociais como alugueres asumibles para estudantado e cadro de persoal.

Non agocha que defende unha única Facultade de Medicina en Galicia, a de Santiago, pero remarca que fará cumprir o convenio da descentralización. Desafía con optimismo o reto da adaptación á Intelixencia Artificial nas aulas sen esquecer a defensa a ultranza do ensino público fronte aos que só ofrecen títulos.

Cales foron as súas primeiras accións como reitora?

Neste tempo xa tiven ocasión de propoñer a estrutura, convocamos o primeiro consello de goberno e o claustro universitario coa intención de darlle normalidade ao funcionamento da institución.

Por onde pasan os grandes pilares do seu mandato?

O reto está no ámbito do persoal docente investigador cunha proposta de creación de novas prazas, tamén con promocións e estabilizacións, así como afrontar as xubilacións que se van producir no persoal técnico de xestión, que nesta lexislatura chegará a un terzo. Isto significa que teremos unha rotación importante e a necesidade de garantir a transferencia do coñecemento de quen fai funcionar as engranaxes desta institución.

“Non quero meter nese grupo a todas as universidades privadas porque non é así, pero vexo que hai un gran negocio coa educación superior”Rosa Crujeiras

Como será a relación co estudantado?

Imos a intensificar os contactos porque hai necesidade de poñer en marcha políticas sociais.

Falou, na súa toma de posesión, de que a universidade precisa unha transformación profunda, serena e consciente, a que se refería?

O grande cambio pasa por non ser alleos ás necesidades sociais e tecnolóxicas. A universidade ten que ser referente para saber por onde nos temos que ir movendo sen perder de vista os valores que temos como institución de educación pública.

Xa se aburriu de que lle pregunten sempre polo feito de ser a primeira muller na historia en ser reitora?

Preguntáronme moitas veces por isto, pero teño que dicir que fun sendo consciente a raíz de que os medios de comunicación insistiran. A ver, para min isto é unha cuestión natural dentro do que é o meu traballo na universidade. Levo moitos anos en postos de xestión e en órganos de decisión, pero o relevante aquí é non ser a última e que á próxima non se lle pregunte pola súa condición de muller. Esa é a barreira que temos que romper.

Aínda non rompeu, logo?

O feito de ser muller está aí presente. Hai unha xornalista, Nuria Varela, que acuñou o termo do síndrome de Borgen, en referencia á serie sueca, que é un mecanismo sutil que aparta ás mulleres da toma de decisións políticas. A nós pregúntasenos polas nosas circunstancias familiares ou como imos a conciliar, algo que non se interpelaría a ningún reitor home. A barreira que hai que romper é que haxa unha muller reitora como síntoma de normalidade institucional como debería selo porque somos máis da metade da comunidade universitaria.

Atraer talento é un dos seus obxectivos para competir en investigación, pero a competencia neste campo é grande e os recursos escasos…

Como institución temos que implantar un plan de investigación porque somos referentes en moitos ámbitos, algúns visibilizados como é todo o campo biomédico, químico ou da física de partículas, pero tamén o somos noutros polos que temos que poñer en valor como as ciencias sociais, humanas e artísticas. Temos moitos premios nacionais que están formando ao estudantado nas aulas. Agora toca non perder o que temos e dar a coñecer o resto das potencialidades como o estudo da memoria histórica, por exemplo, onde somos referente. E temos o campus de Lugo, fundamental para o desenvolvemento de Galicia.

“Cumpriremos o convenio, pero a mellor estratexia como país é termos unha facultade de Medicina e Odontoloxía forte”Rosa Crujeiras

Atópase coa descentralización da docencia de Medicina. Cre que cando remate o convenio en 2029, tanto Vigo como Coruña pedirán a titulación?

Hai un acordo que cumpriremos e faremos cumprir con garantías para a Facultade de Medicina e Odontoloxía. Eu creo que a mellor estratexia como país é termos unha soa forte aproveitando as capacidades que ofrece o sistema sanitario. Aí non só hai un título, senón un polo de excelencia de investigación e transferencia no ámbito da biomedicina.

A dificultade para atopar vivenda é un problema para atraer alumnado?

A universidade non se pode permitir perder talento por falta de vivenda. A nosa competencia nesta materia chega ao noso sistema de residencias que hai que tratar de manter e ampliar na medida das nosas posibilidades, pero que sexa así non é escusa para que non demandemos que haxa unhas condicións de vivenda dignas non só para o estudantado, senón para o persoal que traballa connosco.

E que pode facer a universidade?

Trasladamos este problema aos concellos e retomarémolo nas xuntanzas institucionais, pero hai cousas que se poden experimentar como a convivencia interxeracional ou comunitaria. Temos exemplos doutras universidades que podemos propoñer, pero sempre da man das administracións.

Hai opcións de novas titulacións?

Temos un mapa de titulacións e máis alá diso hai que valorar as nosas capacidades para implantar títulos que aporten ao tecido económico e social. Máis aló dos ciclos de mellora ou empeoramento das matrículas nalgunhas titulacións, creo que calquera política que se faga ten que ter a vista posta no medio ou longo prazo sen cuestionar baixas puntuais.

Está adaptada a universidade para a transformación dixital das aulas e para a Intelixencia Artificial?

Temos que adaptarnos e rápido. Non só as aulas. Non somos alleos aos cambios tecnolóxicos e nós, como universidade, temos que apostar por unha implantación da IA responsable. Temos que integrar a Intelixencia Artificial como unha ferramenta do ensino e da aprendizaxe e para iso temos que pasar pola formación e xa temos algunha iniciativa en marcha.

Rosa Crujeiras fronte a estatua do arcebispo Fonseca, nos exteriores do reitorado
Rosa Crujeiras fronte a estatua do arcebispo Fonseca, nos exteriores do reitorado
Monica Ferreiros

Hai sectores da sociedade que inciden en que falta conexión entre a formación académica e a demanda profesional por parte das empresas, está de acordo a reitora con esta aseveración?

Sempre hai marxes de mellora, pero quero romper unha lanza sobre o que facemos na universidade. Ofrecemos unha formación, pero vai máis alá de cubrir unhas necesidades específicas nunha certa técnica ou ferramenta que sirva a unha empresa.

Sente a competencia polas titulacións das universidades privadas?

Como universidade pública non podemos competir nin en precarización nin en simplificación e o que nos estamos atopando é un inxente número de entidades privadas que ofertan títulos. Non quero meter nese grupo a todas as universidades privadas porque non é así, pero nos últimos anos vexo que hai un grandísimo negocio coa educación superior.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620