Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
La Galería

IA e creatividade. O fin da autoría?

O escenario que se albisca modifica definitivamente a concepción do feito de escribir

Ilustración de Gosia Trebacz
Ilustración de Gosia Trebacz
Cedido
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620

Cando hai uns anos comezaron a circular os primeiros textos xerados por máquinas, eu considerei aquilo unha mera curiosidade técnica, un xogo de laboratorio. Hoxe a situación é ben distinta: calquera pode “escribir” un ensaio, unha novela ou un poemario sen ter lido un libro, sen coñecer as pautas dos xéneros e, se cadra, cun absoluto desprezo pola vocación literaria. Porén, o resultado pode ser convincente, mesmo brillante. O problema é que detrás dese brillo non hai experiencia nin intención estética, só un simple mecanismo de predición estatística. Daquela, a pregunta que xorde é turbadora: Que significa escribir, en que consiste “crear”?

A escritura convencional combina técnica e sensibilidade. É preciso o coñecemento do oficio pero tamén talento, esa chispa intransferible que se manifesta na expresión “persoal” a través da linguaxe. O poeta escribe desde un lugar, desde unha experiencia e desde unha conciencia. En troques, a máquina recolle e combina o que xa foi escrito. A mellor definición dese labor sería “intertextualidade”: unha malla de ecos, referencias e fórmulas que se entrelazan sen que ningún suxeito as articule desde unha vivencia propia.

A idea non é nova. Autores como Mijaíl Bajtín ou Iurii Lotmam consideraron que calquera texto dialoga con outros que o autor ten, consciente ou inconscientemente, asimilados, interiorizados. A orixinalidade absoluta sería unha quimera. A diferenza é que na actualidade asistimos a unha radicalización desa proposta: a intelixencia artificial produce unha intertextualidade sen voz, unha circulación mecánica de signos desligados de calquera experiencia humana. Se o estruturalismo vía a obra como un sistema de relacións, a IA encárgase de automatizar ese sistema, eliminando a dimensión vivencial, testemuñal e emotiva que debería dotala de xustificación e sentido. O resultado é unha intertextualidade neutra, unha superficie coherente, mesmo “perfecta”, pero sen “verdade”.

A forza dun poema ou dunha novela non reside só na escolla das palabras, senón na cadencia, no ritmo, na expresión, incluso nas eivas e imperfeccións que revelan o autor/a que hai detrás. A literatura é unha forma de “presenza”. Cando recoñecemos a voz de Rosalía, de Celso Emilio ou de Cunqueiro non é porque escribisen de maneira impecable; é porque a súa linguaxe, o seu estilo, o seu carimbo transfiren unha identidade. Pola contra, as máquinas actúan desde a “ausencia”: reproducen estilos, xiros, simulan emocións, pero non senten nin deciden. Son espectros que se expresan con palabras alleas.

Crise

A perda de voz individual conduce inevitablemente a unha crise da autoría. Desde o século XVIII, o concepto de autor estivo asociado a un suxeito concreto: aquel que crea, que asina, que deixa unha pegada na súa obra. A literatura era unha extensión do eu, incluso más aló da desaparición física. Agora o “autor” pode ser calquera —ou ninguén— e a orixinalidade, lonxe de significar un valor, é un obstáculo para a eficiencia textual. A máquina non ten vontade nin límites; pode producir múltiples variacións dun mesmo motivo saturando o espazo cultural: sen raizame, sen substancia nin conciencia ética.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620