
Coidar o patrimonio cultural é unha necesidade que require implicación e visión de futuro. Preservar o legado dos artistas é unha responsabilidade colectiva que vai máis alá da simple conservación, pois conleva gardar a memoria, a identidade e a sensibilidade dunha mirada orixinal, única, que merece ser transmitida ás xeracións futuras. O perigo de que ese legado quede abandonado, deteriorado ou perdido está aí. Ninguén pode responder máis aló da propia vida. As obras sofren, inevitablemente, o paso do tempo, pero o problema xorde coa falta de atención, a desidia institucional e o descoñecemento do seu valor; condenadas a permanecer esquecidas en recantos, arrombadas en faiados e alboios ou esparexidas sen control.
Grazas á desobediencia de Max Brod, que se negou a destruír os manuscritos de F. Kafka, podemos aproveitar a creatividade e o talento dunha figura universal. E que sería das rimas de Bécquer sen a axuda dos amigos que sufragaron os custos de edición logo do seu pasamento? Galiza non tería a obra do arquitecto e artista Manuel Jorge de non ser polo descubrimento de Alba Sánchez e do meritorio esforzo da Asociación que promove o seu museo en Chantada. Estes casos evidencian que o acervo artístico depende da sensibilidade e interese dos depositarios.
A figura de Anne Nikitik abrolla con luz propia na conservación e posta en valor da obra do seu home, José Vázquez Cereijo. O seu pulo delimita a rotunda fronteira entre o esquecemento e a memoria viva, actual e actuante. Anne traduciu do inglés a O. Wilde e do ruso a Pushkin, e dá gusto escoitarlle o seu galego celmoso e cultivado. A Fundación VAC-AN aséntase nun local que fai esquina ás rúas Prado e Río Navia. Un milagre na Milagrosa! Alberga, ademais das obras de arte, poemas e partituras, diversas coleccións de postais, xoguetes, fotografías, abanos e obxectos curiosos; testemuños dun tempo no que o traballo artesanal se facía cun esmero preciosista. Reutilizados outros aveños nunha nova función. Detémonos diante dunha mesa longa de castiñeiro, con labrados e incisións, que pertenceu a Luís Pimentel, tío de Vázquez Cereijo. E abrimos as gabetas…, quen sabe se na procura dalgúns versos esquecidos polo poeta. Non os hai.
Cadros
Anne ensíname unha parte da vasta herdanza do seu home. Miro e admiro os cadros de tonalidades escuras, con algunhas notas de cor, ao óleo, e sempre sobre táboa. Obra inxente, feita con absoluta coherencia e rigor consigo mesmo, sen ningunha preocupación comercial. Aos cadros de gran formato, súmanse os gravados ao linóleo e augaforte, de signo e estilo distinto: máis xeométrico. Cando lle comento a Anne o carácter abstracto da obra, axiña comprendo que non se
trata de colocar etiquetas e que en moitas pezas –se non na maioría– aparecen figuras e deseños identificables. En concreto, no último cadro pintado, é visible, nun lugar mínimo pero revelador unha alusión á Illa dos Mortos, de Böcklin. Presentía, seguramente, a chegada de Caronte para recollelo na súa barca.
El marchou pero a súa obra permanece entre nós, enriquecéndonos cunha proposta suxestiva. Un universo persoal e familiar proxectado en cadros, gravados, esculturas, e cunha ampla biblioteca sobre os máis variados temas. Un patrimonio privado transformado en ben común.







