Memoria dunha estirpe
Xosé María Álvarez Cáccamo recolle en ‘Árbore arriba’ a memoria familiar e os eixes da súa creación literaria

“Este é un libro de memorias. Lembranzas de vivencias propias, contrastadas e matizadas en conversas” con outros familiares. A memoria é o fío invisible que cose os nosos días. Sen eses fíos, vivencias, proxectos, emocións, serían fragmentos soltos, instantes inconexos. O recordo almacena feitos, pero tamén os reconstrúeo dándolles forma desde o presente. Cada lembranza é unha escena que volve a nós, recuperada, re-vivida. Nidia ou vagarosa, cargada sempre de significado: os medos da infancia, a alegría dunha visita, o olor das sabas no regreso á casa, aquela perda que nos abriu unha ferida…, son referentes que nos permiten interpretar o mundo e coñecernos a nós mesmos. Cando dicimos “eu son así”, estamos dicindo: “eu aprendín, eu gocei, eu sufrín, eu celebrei”, porque todas esas experiencias previas foron forxando o que agora somos.
Da lectura de ‘Árbore arriba. memoria das orixes’, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Alvarellos Editora, Santiago, 2026. 140 páxinas) tiramos a conclusión de que a memoria conforma e constitúe a identidade. Se a perdemos, perdemos a esencia de nós mesmos. Seremos outros, distintos, “alleos”. Tampouco a memoria é un espello fiel: selecciona, modifica, engana, porque o
pasado actúa no presente e o presente interfire no pasado: aquela ruptura traumática vémola hoxe como un xogo adolescente; aquela expectativa frustrada resultou, finalmente, positiva e frutífera. Ao reinterpretar o que fomos, estamos a modelar o que somos. Dinámica, a memoria constrúe a identidade ao tempo que a revisa. (“Material memoria”, resumiu Valente, logo acollido por Chillida).
Nas vivencias compartidas, convértese, ademais, en vínculo. Recordar xuntos fortalece o sentido de pertenza: as familias, as amizades, as comunidades fórxanse arredor de experiencias comúns. As historias transmitidas —eventos, xeiras, loitas, festas— sitúannos nun lugar e nunha tradición. A memoria do pasado dálle consistencia ao presente e continuidade ao futuro.
A árbore de Álvarez Cáccamo afonda as súas raizames fundindo a orixe caribeña coa cerna europea (alemá: Frieben, Zimerman…), italiana (Ambrosino, Caccamo), á que se engadiron porcentaxes “levantinos e castelás, e unha decisiva substancia galega” (Limeses), confirma o autor.
Artística
É, a súa, unha ilustre saga artístico-literaria, con grandes e prestixiosos nomes, entre os que cabe destacar o propio Xosé María; a seu pai, Xosé María Álvarez Blázquez, e que se remonta ao bisavó, Emilio Álvarez Giménez, autor dun célebre manual: ‘Literatura preceptiva. Retórica y poética’, que serviu de texto a varias xeracións. Consérvase, cheo de debuxos, o exemplar que utilizou o mozo Picasso.
“Ás veces consigo sentir o eco das leccións de Álvarez Giménez nas aulas do Instituto de Pontevedra, as voces de mando do garda civil Blázquez nos cuarteis dos seus destinos en Cuba, as conversas das avoas de miña nai na casa de Vigo, o sabor dos doces que elabora Franz Frieben e os dos viños de excelente calidade que selecciona Giuseppe Cáccamo para os convidados da familia real”, escribe Xosé María.
A memoria é o arquivo que recolle a nosa existencia. Grazas a ela sabemos quen fomos e intuímos quen podemos chegar a ser. Sen memoria non habería relato; sen relato, non habería persoa. Somos, en gran medida, a suma, viva e cambiante, do que recordamos.







