Evocación do carro galego
Ramón Cabanillas e Manuel María dedicáronlle poemas, acollidos logo pola cultura popular

O tempo non volve nin tropeza, o pasado existe unicamente na memoria. Calquera vida humana, por longa que sexa, é curta e insuficiente. “De brevitate vitae”, escribiu Séneca, “Cualquier tempo pasado fue mejor”, di Jorge Manrique, pero só é verdade no poema porque soamente gardamos os bos recordos.
Eu conservei durante anos unha marca na cella, por un golpe que levei de neno, cando o carro me lanzou contra un ladrairo ao balancear nunha costa dificultosa. Tirado por vacas ou por bois, o carro era un medio de transporte, mais tamén unha extensión da casa e do propio labrego: cargaba patacas, millo, esterco; para a mantenza do gando carrexaba herba do prado, e do moínte traía mulimada, leña e follaxe. O carro era o mensaxeiro activo da casa, o representante aos ollos dos veciños. Nel ían tamén os días de traballo, as esperas e as esperanzas, os fracasos e as conversas. De madeira, con rodas macizas, adaptábase ás corredoiras estreitas e ás costas empinadas. “Alma rodante do fogar”, alcumouno Neira Vilas, cos croucóns roendo no eixo, cantando cara á sementeira ou regresando coa colleita.
Lentos e firmes avanzaban, esculpindo nos penedos as rodeiras, como quen grava a lume a alma da Terra. O canto do carro tiña unha beleza solemne e silandeira. Aínda hoxe, cando xa non se escoita, segue a vibrar na lembranza colectiva, como unha música antiga que se resiste a desaparecer. Ritmo pausado, ao paso dos animais (“La lentitud de los bueyes”, titulou un libro o meu tocaio Julio Llamazares). Canto do carro na tardiña, co solpor no horizonte. Presenza, continuidade e vida.
Coa chegada do tractor e da maquinaria industrial, o carro caeu en desuso. A mecanización trouxo rapidez, potencia e eficiencia, pero, en troques, rompeu unha relación ancestral cos cultivos e as estacións. O que antes levaba horas, resolvíase agora en minutos; o coidado e o coñecemento dos animais pasou a depender dos motores. Retirado aos alboios, aos museos e á memoria que, ademais de fráxil, é, con frecuencia, desagradecida. Hoxe ninguén sabe de chedeiros, dentoiras, cabezalla, cambas, ladreiros ou estadullos…
Decorativo
Na miña mocidade en Lugo había un grupo de música folk, “O Carro”; máis tarde, a mestra e activista, Enriqueta Otero, fundou unha asociación cultural que nomeou “O Carriño”. Contaba meu avó que nos anos anos vougos da posguerra, sen luz nin auga corrente, con frío e calamidades, untaban os eixos dos carros para que non soasen e saían de noite, ás agachadas, cargados de “fruto”, a vendelo no estraperlo. Sacaban da boca o alimento para pagar as débedas. Benvida, xa que logo, a industrialización e o progreso, benvidos o confort e a abundancia responsábel.
Agora, en vilas como Chantada, no corazón da Ribeira Sacra, o carro pasou a ser un elemento decorativo. En rúas e prazas aparecen carros recuperados, ben pintados e saneados, servindo como maceteiros de xeranios, begonias e petunias. Carros calados xa para sempre, como ecos dun tempo que se foi…
Libros recomendados
BIBLOS , Varios autores
Ano 23. Nº 128. Betanzos, 2026. 50 páxinas.
Revista galega de información literaria. Recolle este número bimestral unha entrevista con Carme V. Valiña, a publicación de “Alguén ao lado”, de Xabier Quiroga, así como unha completa guía das novidades editoriais más relevantes.
PEQUENA VIDA SALVAXE, Roberto X. Hermida
Espiral Maior, 307. Carballo, 2026. 48 páxinas.
XXXVII Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé. “Un murmurio baixo o balbordo/ subterráneo”, unha proposta ecoloxista e reflexiva co campo e a natureza como protagonistas. “Dos cultivos intensivos—líbranos señor”.
DESERTOS, Miguel Sande
Espiral Maior. Poesía, 309. Carballo, 2026. 100 páxinas.
Limiar der Pilar Pallares. As varias e plurais soidades do desero enfrontadas á vertixe dun mundo atormentado e convulso. Vinte e cinco anos despois da primeira publicación, os poemas manteñen toda a súa forza e vixencia.
OXÍGENO, Marta Jiménez Serrano
alfaguara. madrid, 2026. 160 páginas.
En noviembre de 2020 la autora estuvo a punto de morir. La caldera tenía una fuga y el monóxido de carbono fue adormeciendo a Marta y su pareja, hasta que esta se levantó para ir al baño y se desplomó. Cinco años ha necesitado para narrarlo.








