O soño de Patti Smith
O poeta de Castroverde recrea espazos urbanos nos que denuncia a precariedade e o desarraigo

Xesús Trashorras ten amosado o seu talento como narrador, mais tamén como poeta. “O soño de Patti Smith” (Colección Restrelos. Lugo, 2025. 96 páx., con ilustracións de Andrea T. Rifón) aparece atravesado pola conciencia aguda da diferenza. A voz poética sabe que habita as marxes, que non encaixa nos códigos, valores e ordenanzas da sociedade convencional. Lonxe de asumirse como derrota, a marxinación social, moral e existencial convértese en motor de resistencia. Ao recoñecerse “distinto” afírmase nunha identidade construída á contra do sistema.
A arela de perpetuidade ou, por mellor dicir, a angustia que provoca a conciencia de finitude, informa o acto de escribir: intento, acaso inútil, de permanecer fronte á erosión do tempo e a indiferenza dos lectores. Pulsión inevitábel, a palabra abrolla desde un pálpito que nomea para non desaparecer, en sintonía con outras figuras que conciben a arte como un destino: Baudelaire, Camus, Charlie Parker, Patti Smith…, presenzas tutelares que encarnan a intensidade, a ruptura e o alto prezo que a liberdade esixe.
A paisaxe urbana ocupa un lugar esencial no libro. A carón de Lugo, referencia simbólica e real, París, Braga, Barcelona…, preséntanse como espazos complexos, contraditorios, reveladores. Prazas, rúas, escenarios de tránsito e observación: nelas batemos con violinistas pobres, malabaristas entusiastas e poetas abeirados ao desamparo como Dinís Carneiro Gonçalves; figuras femininas e feministas, cunha dimensión pública de compromiso social e progresista (Eva Veiga, Frida Khalo, Enriqueta Otero), e mulleres solitarias e anónimas; amores clandestinos; mendigos que representan o noso fracaso colectivo, e longos corredores de hospitais, metáfora extrema da vulnerabilidade humana. Trahorras tece un pano en claroscuro no que o social e o íntimo se confunden.
O ton é tenso, por veces amargo, case irado, con puntuais concesións á lembranza: “a casa/ que fala aínda/ na lingua da inocencia (…)/mórame/ na distancia/ e tráeme o asubío do orballo/ e o grallar xordo do vento”. A linguaxe avanza a golpes, chea de imaxes abruptas e dunha musicalidade áspera, nada cómplice de adornos innecesarios. Non hai vontade de agradar, hai intención de dicir. Os textos eríxense, xaora, nun instrumento de denuncia e de autoexame desde un fondo no que se adiviña certa crispación. Expresionismo verbal que procura a verdade, aínda que doa.
O proceso creativo resólvese en temor e salvación. Temor porque expón, deixa á intemperie e obriga a mirar de fronte o deterioro propio e alleo. Salvación porque é o lugar onde a ferida pode recoller algún sentido.
“O soño de Patti Smith” resulta, finalmente, un manifesto de supervivencia, acto de fe nunha transcendencia posible, pero limitada, baldía: “Escribo para esquecer o noxo de amencer/ e a dor que me produce o espertar”.
Proposta varia, plural e heteroxénea, con diversas calas, temas, tratamentos e matices formais; concibida, se cadra, como simple adición de poemas dispersos que, sen embargo, conflúen nunha voz persoal que lles dá xeito e os dota da necesaria unidade.








