Globalización e identidade
Como organismos vivos, as linguas e as culturas coñecen ciclos de florecemento e decadencia

Foi Oswald Spengler un dos primeiros en considerar as culturas como organismos vivos que, como tales, teñen un inicio, un esplendor e unha decadencia; ciclo vital dos seres que se dirixen á morte. Cabe, pois, preguntarse se nun mundo interconectado no que se aboliron as distancias, cun permanente intercambio de persoas e produtos, se pode garantir a pervivencia dunha cultura ameazada como a nosa.
A cuestión é complexa: as decisións políticas condicionan os procesos sociais e económicos, e estes os culturais. Así, aceptando que máis cedo que tarde, inexorabelmente, as culturas acaban por desaparecer (a extinción da aldea con toda a riqueza de costumes, ritos e tradicións… evidencia o que estamos a dicir) cómpre enfrontar o desafío que a globalización conleva.
En todos os sentidos: negativos, máis tamén positivos, ao permitir que persoas de diferentes procedencias se comuniquen e relacionen con independencia de orixe, raza e relixión; e se unan en arelas e preocupacións comúns: a desertización, o cambio climático ou a denuncia de xenocidios e a vulneración dos dereitos humanos, sen que, lamentablemente, o dereito internacional dispoña dunha forza executiva que sancione aos culpables.
Contra o que se poida pensar, as novas tecnoloxías ofrecen unha oportunidade ás linguas minoritarias, aínda que o uso preponderante do inglés na ciencia, na economía e na política poña tamén en perigo linguas tan asentadas como o español. A cultura poderá sobrevivir en sociedades que a consideren elemento de prestixio. No caso de Galicia sería necesario reverter a situación, ao ser minoritario o uso do idioma, especialmente no ámbito laboral, o que carrexa a convición da súa inutilidade á hora de obter un emprego ou de ascender profesionalmente. No contexto empresarial, o galego asóciase a un cargo inferior e considérase pouco útil ou, directamente, prescindible.
Nunha situación de bilingüismo asimétrico, cunha lingua A dominante e unha B, subordinada, prodúcese un proceso de substitución (especialmente na mocidade) acollendo a de maior status e abandonando a lingua B, reservada, historicamente, ás clases máis humildes e desfavorecidas.
O mesmo sucede na expresión cultural e artística. Segundo as estatísticas, o 80 % dos escolares nunca escoita música en galego, porcentaxe aínda menor no cine, na literatura e nas artes escénicas. De maneira sutil, pero inexorable, o bilingüismo vaise decantando cara o monolingüismo, con frecuencia propiciado polos propios pais, que educan en español os fillos, na seguridade de que terán un futuro mellor nese idioma.
Liderado
Sería, pois, necesario que as clases dirixentes, os intelectuais e os líderes espirituais, servisen de referentes a imitar, afastando para sempre a identificación do galego coa ignorancia e o atraso. O desafío non é fácil, máxime cando voluntariamente se renunciou á confluencia, cando menos ortográfica, co portugués, de xeito que, sen renunciar as características propias, puidésemos ir da man naquilo que nos é común. Nunha correlación de forzas tan desiguais como a que padecemos, o illamento resulta limitador, esterilizante.
Libros recomendados
'As cousas polo seu nome', Rebekka Salm
Edicións Laiovento. Santiago, 2025. 182 páxinas. Tradución, posfacio e notas de Laureano Araújo. A novela narra un episodio dramático do que é vítima unha rapaza, sobre o fondo dunha vila suíza na que impera a xenofobia, a hipocrisía e o engano.
'Xosé Barros Sada. Unha vida adicada á música', Luís Rodríguez
Cadernos de estudos locais. A.C. Irmáns Suárez Picallo. Nado en San Miguel de Sarandón, don Xosé Barros Sada fundou e dirixiu varias bandas de músicas, creando escolas e formando novos intérpretes.A obra con texto de Luís Rodríguez conta con ilustracións.
'A sombra de Oká', Olinda Bejá
Premio Francisco José Tenreiro. A Oká, considerada a “mae das árvores” e a “árvore da vida” polas tribus da Amazonía, abonda tamén en Sao Tomé e Príncipe, terra da autora,
'Alchemised', SenLinYu
MONTENA. 2025. 1.056 páxinas. Neste debut fascinante de dark fantasy, unha muller sen memoria loita por sobrevivir nun mundo de necromancia e alquimia devastado pola guerra… e ao home encargado de desenterrar os segredos máis escuros do seu pasado.






















