Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
La Galería

Trinta anos de “Que me queres, amor?”, o libro que nos cambiou

Manuel Rivas
Manuel Rivas, nunha imaxe recente
Patricia G. Fraga 
banner-620x50
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620
MCDONALDS 620X50

O 24 de novembro de 1995, hai trinta anos, o xurado da sétima edición do premio de narrativa Gonzalo Torrente Ballester, convocado pola Deputación da Coruña, decidiu galardoar os relatos de “Que me queres, amor?”, do coruñés Manuel Rivas. Uns meses despois, o libro, editado por Galaxia, foi recoñecido co Premio Nacional de Narrativa que concede o Ministerio de Cultura. O éxito foi inmediato e conxugou –non sempre pasa– os eloxios da crítica co favor do público. O recoñecemento sobardou, pois, as fronteiras lingüísticas e sociolóxicas do galego e consagrou a Rivas como un dos escritores do momento.

Daquel xurado formaba parte José Antonio Ponte Far, actual concelleiro de Cultura de Ferrol. “Foi un libro que nos sorprendeu. No grupo de deliberación había persoas castelán-falantes, algún catalán e varios galegos. Aínda que algún membro tivo dificultade para ler en galego –idioma en que se presentou– e non captou toda a riqueza da linguaxe que encerraban os relatos, o certo é que Rivas gañou por unanimidade: foi un libro que nos gustou a todos, galegos, cataláns e casteláns”.

Ponte Far sitúa esta mada de relatos nun lugar “fundamental” da traxectoria de Rivas. Conqueriu eses dous premios e “deu a coñecer como narrador a un xoven que daquela era máis poeta que narrador”. Aínda que resalta que todo o conxunto –orixinalmente foron dez, aos que logo, na edición para o público se engadiron outros seis– é dun “nivel altísimo”, o experto en Torrente Ballester apunta que “hai tres ou catro contos que son antolóxicos, que nunca van pasar de moda e que se van ler sempre, como como ‘Un saxo na néboa’, que é un texto extraordinario, tenro, profundo, gracioso e mesmo etnográfico”.

Figura internacional

O editor e crítico Xulio López Valcárcel comparte con Ponte Far a predilección por este relato que recolle as peripecias dunha pequena orquestra. “‘Carmiña’, ‘A leiteira de Vermeer ou ‘A lingua das bolboretas’, con ese momento dramático da covardía do pai e do rapaz renegando e apupando o mestre que lembra a figura de Xesús cando vai camiño do Calvario, son moi bos, pero teño unha preferencia especial por ‘Un saxo na néboa’ porque é un relato moi ben concibido, moi ben construído e moi ben resolto”.

“Creo”, engade o poeta, “que ‘Que me queres, amor?’ é un libro referencial, pola transcendencia que ten e porque confirmou a Manuel Rivas como unha figura de carácter internacional, un auténtico orgullo para todos os que dalgunha maneira, con maior ou menor fortuna, estamos inmersos na literatura galega”, pero, sobre todo, recalca, pois o que contén, eses dezaseis relatos, son “dunha vixencia absoluta porque manteñen toda a súa forza, toda a súa frescura e a súa intensidade. É unha obra chamada a permanecer”.

Xosé María Dobarro, profesor da Universidade da Coruña, coñecía a Rivas pola súa faceta de poeta. “De feito, sempre o tiven por máis poeta que por narrador, aínda que cando gañou o Torrente Ballester e todo o que viu despois xa tiña narrativa publicada”, apunta antes de lembrar un episodio, anos despois, entre finais dos 90 e comezos dos 2000, que non é precisamente unha anécdota. “Participei nun congreso que organizara a UNED sobre o relato e quedei sorprendido de que catro ou cinco comunicacións que saíron de alí, todas elas de expertos noutras linguas, falaban sobre este libro. Tivo unha repercusión e un éxito enormes e si que creo que é desas obras que son quen de transcender o momento en que foron escritas”, rememora.

“Quérote, amor, si”, confesa Vicente Araguas, escritor e tradutor de Neda, orixe probable que comparte, di, co autor do que escribiu o verso que lle dá o nome ao libro, Fernán Esquío, “e non soamente porque o título de libro tan suxestivo veña dun dos poetas que máis amo, que tamén, senón porque esnaquizara, de golpe, un sistema literario no que había quen coidaba que para ser novidoso compría practicar un vangardismo que, de ter existido, habería moito que discutir, hoxe non o le nindiola. En cambio, ‘Que me queres, amor?’ aí segue, só ou na compaña desa película brutal que se chama ‘A lingua das bolboretas’, aberta –porque é tamén un clásico– a todos os tempos. Unha película na que sae Vidal Bolaño naquel personaxe tan sombrío que me fixera dicirlle, hai xa tanto, cando o coñecín en Catoira, o respecto inmenso que me inspiraba”.

A película dirixida por José Luis Cuerda foi, efectivamente, o formato que lle deu ao libro de Rivas a sona definitiva, pero Araguas recalca que “antes da película, e dos tres relatos que a confeccionaban, estivera o libro, esa cousa redonda cun realismo que non precisa da etiqueta de máxico porque a maxia xa vai nel. En todos os contos que inclúe que non é que teñan máis temática común que a propia da melancolía (dicir saudade fora moito, morriña, se cadra, porque neles pendura a faca da morte, dunha morte “pequena” se se quere) inserida neses humanos que aprenderon dicir “espiritrompa”, un dicir, e poden/queren empregala como aldraxe. Cousas de bolboretas, lástima fora. Humanos cal fuxidos dun relato de Carver, ultrapasados por Chekhov ou Maupassant, mais cun aquel de Rosalía&Castelao”. “Ocórreseme que este libro”, afirma Araguas, “é tan clásico xa como os calzóns aqueles de cando eramos pobres e cumpría darlles voltas e voltas, remendalos, compoñelos de novo e a seguir admitindo postas e postas. Quero dicir que unha literatura que ten ‘Longa noite de pedra’, ‘A esmorga’ ou ‘Que me queres, amor?’ como referencias vai estar sempre viva. Literatura clásica, pois. Quérote, amor, si”.

O profesor e escritor Henrique Dacosta incide precisamente na capacidade de Rivas para o conto. “Móvese como peixe na auga cando aborda a modalidade narrativa do relato. Obsérvase de xeito especial en ‘Que me queres, amor?’, un revulsivo no panorama narrativo da década dos 90. Como nun encaixe de Camariñas, logra unha síntese harmoniosa entre o asunto a referir xunto co trenzado máis sutil da técnica de que se vale. Puntadas precisas dun audaz fío lírico, mais sen concesións á brandura, pois a convivencia das situacións máis crúas cohabita co das máis delicadas”, subliña Dacosta, gañador do premio Carvalho Calero.

Realismo máxico

Para el, os contos de Rivas, e mais nomeadamente nos que se deron a coñecer hai trinta anos, son produto dun coñecemento exhaustivo da tradición narrativa galega. “É capaz de imbuír o seu texto de elementos da narrativa oral, coma se dialogase cos nosos clásicos do xénero, poñamos por caso, Cunqueiro, Dieste ou Castelao, alén de pola querenza polo realismo máxico. Relatos que plasman maxistralmente a memoria histórica, tal que ‘A lingua das bolboretas’, ou en que a arte se transforma no espello da propia vida, como no excelso ‘A leiteira de Vermeer’, resultan antolóxicos; se ben os temas da migración, do amor e o desamor ou do espertar musical ocupan, así mesmo, un lugar importante”.

No carácter rompedor que supuxo a publicación do volume fai fincapé o crítico Armando Requeixo, autor do recén saído “Literatura insólita”. O mindoniense destaca que “Rivas produciu unha diáclase no macizo granítico da tradición narrativa galega. Con el, a nosa literatura demostraba que os tempos mudaran, que a Galicia envolveita en sabas de mil anos era xa outra e que a maneira de contala tiña que ser tamén, por forza, diferente”.

Ese ar fresco entrou tamén pola fiestra da crítica, pois “o recoñecemento unánime e fulgurante que obtivo o libro non só confirmou o autor como unha voz madurecida que comezaba a dar o mellor de si, senón que tamén contribuíu a abrirlle portas ao conxunto da escrita en galego, favorecendo a súa proxección exterior e universalizando a súa presenza”. Así, hoxe –antes non era así– é habitual ver obras escritas en galego no palmarés de premios de proxección estatal.

O primeiro libro mercado

A chegada do crítico Mario Regueira á literatura de Rivas foi diferente aos especialistas precedentes. É o máis novo de todos eles. Coñeceuno en Secundaria polos comentarios dunha profesora, pois non formaba parte do programa. “‘Que me queres, amor?’ foi un dos responsábeis de que me interesase pola literatura galega. Seguramente o primeiro libro en galego que merquei e lin por curiosidade e por gusto: había outros na miña casa, pero eran dos meus pais”, explica Regueira, que considera que este título xogou “un papel importante na necesaria actualización da literatura galega e tirou un lazo a elementos da cultura popular que estaban un tanta afastados do ámbito literario, especialmente na nosa lingua e nos que moita xente nova nos recoñecemos naquel momento”.

Ademais, o crítico ferrolán admite que os relatos dese libro que ten vendido centos e centos de exemplares tivo “unha influencia enorme no autor inédito que fun (os meus escritos antes de publicar o meu primeiro libro en 2004), aínda que teño que recoñecer que non atopei ese nervio nin esa influencia noutras obras de Rivas que viñeron despois: continúo a preferir o autor dos 80 e 90 que brillou especialmente nesa colección de contos”. Trátase, resalta, dun “dos últimos grandes contistas, antes de entrarmos nesta fase na que o xénero perdeu bastante vixencia nas nosas letras”, pero que daquela, a mediados da década dos 90, era quen de producir obras inspiradoras que animaron a debuxar alpendres con palabras e demostraron que si, que se pode facer poesía sen rima.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620