
“Nailía” é un espello lúcido da sociedade actual na que o amor, a precariedade e a perda de referentes se entrecruzan nun tecido narrativo de forte signo realista, por veces naturalista, que mostra a dureza das circunstancias e a fraxilidade humana. No centro da historia, Nailía (nai Lía), Candela e outros actores tentan reconstruír a propia identidade nun entorno complexo, hostil. O relato móvese con axilidade entre unha rede de múltiples personaxes secundarios que completan un mapa de parellas e exparellas, de vario signo e cor, amizades, relacións esporádicas e soidades contumaces.
A autora retrata con acerto a contradición entre a necesidade de contacto e o medo á entrega, entre a liberdade que se ansía e a inseguridade que a acompaña. Vigo, Monforte…, son escenarios de vidas nas que o soño ilusionado da xuventude acaba nunha resignada aceptación. O achegamento entre Pepe, un antiheroi birollo e desaxeitado, pero nobre e de fermosa voz, e Candela, forxando unha alianza de supervivencia á precariedade dos afectos e das esperanzas, resulta definitorio e paradigmático.
A novela de Loli Rodríguez acadou o Premio Torrente Ballester en lingua galega
A novela (así o salientou, con xustiza, o xurado que lle outorgou o Premio Torrente Ballester) destaca, especialmente, polos diálogos. Sen longas descricións nin artificios retóricos, sabemos dos protagonistas polo que din e, sobre todo, por como o din. Unha frase interrompida, unha pausa, unha resposta irónica, revelan máis ca calquera narradora omnisciente. O carácter oral permite “coñecer” a psicoloxía e a personalidade dos actores a través de comentarios agudos, intelixentes, de cansazo e vulnerabilidade, de rexeitamento ou de empatía, retratándoos con habelencia e eficacia.
Realismo
O uso e a recreación da linguaxe coloquial achega a Loli Rodríguez á mellor tradición realista, pero tamén á modernidade cinematográfica, pois en “Nailía” hai ritmo, elipses, cambios de enfoque e unha clara consciencia de que o importante é o efecto “de verdade”, esa sensación de estarmos asistindo ao que se conta. O naturalismo radica na “valentía” de expresar con crueza as circunstancias que condicionan as condutas: o desemprego, os contratos temporais, o desamor, o desarraigo. Con todo, o determinismo non se impón completamente; sempre queda unha marxe de vontade, un xesto de rebeldía, unha decisión inesperada.
A novela recolle, xa que logo, amores e desamores, alianzas e quebras, esperanzas e fracasos, sen por iso caer no melodrama nin na intemperie emocional: unha tentativa de comprensión e de cariño nun mundo que esqueceu as palabras para nomealos. Asemade, a autora constrúe unha galería de figuras que completan a escena, participando dun mesmo ecosistema moral no que as antigas institucións —o matrimonio, a familia, a relixión, o traballo- aparecen cuestionadas.
O estilo é sobrio, preciso, sen concesións ao lirismo nin á caricatura. Hai humor, pero tamén melancolía; unha conciencia de tempo roto impregna cada páxina. Loli Rodríguez non xulga: observa, escoita e rexistra. O resultado é unha obra coral e coherente, profundamente realista, que fai do particular —a historia dunhas persoas “normais”- o retrato colectivo dunha época.




















