Un roteiro literario
A ruta mineira polos vales e montañas do Bierzo pasou a ser tamén unha ruta “literaria” Resulta sorprendente a presenza da poesía nos espazos públicos.

A primeira sorpresa ao baixarme en Páramo del Sil, foi bater cun mural, no lugar máis visible da vila, que representa unha maternidade cos peitos da muller en forma de cebolas. “As nanas da cebola”, de Miguel Hernández, co famoso retrato que lle fixo Buero Vallejo no cárcere, xa medio borrado. Josefina dille nunha carta que leva varios días comendo unicamente pan e cebolas. Esa revelación é o detonante do poema. A cebola (pobreza extrema) alimenta a nai que aleita o naipelo. Encerrado, enfermo, afastado da familia, Miguel arroupa o fillo con dor e tenrura, tratando de aliviarlle a fame con palabras. “Para que lo consueles te mando esas coplillas que le he hecho, ya que aquí no hay para mi otro quehacer que escribiros a vosotros y desesperarme”, escribe.
“Tu risa me hace libre, me pone alas,/ soledades me quita,/ cárcel me arranca”. Conmove a referencia á risa do neno, ese pequeno milagre doméstico que ilumina e redime a angustia, cando todo é tristeza e derrota. O sorriso do fillo é consolo, mais tamén liberación, como se a gargallada infantil tronzase as cadeas. As paredes da cela ábrense con esa risa que lle devolve sentido á vida. A fame, as privacións e o sufrimento non borran a capacidade de amar nin de soñar. Nesa tensión entre a crueza da realidade e a pureza do berce, resoa como un berro abafado, pero luminoso, unha afirmación de humanidade. A risa do neniño, pequena e inmensa, salva todo o que aínda pode ser salvado.
Sabía da estancia do poeta Ángel González no Bierzo, concretamente na recóndita aldea de Primout e, no mesmo Páramo del Sil, acollido á hospitalidade dunha irmá, mestra. O que me sorprendeu foi vela documentada cunha foto grande de corpo enteiro (sacada no mesmo lugar), colgando da fachada, e ata cinco referencias con datas, datos e anacos de poemas. “Aquí vivió el poeta Ángel González 1943-1947”. En Primout, con casiñas de lousas grises abeiradas ao río (nas que un grupo de hippys pretendeu montar unha comuna nos anos noventa), Ángel afondaría nunha soidade que toleou ao cura e houbo de tolealo a el, entre o vento, a neve, que podía pechar os camiños semanas enteiras, e os ecos dun relato alucinado que ninguén lograba interpretar. Aprendizaxe de quietude, vértigo existencial e valor elemental das cousas. A sorpresa abrolla de novo en forma poética: un panel de pizarras colgadas recolle unha escolma de textos de poetas universais, cabo doutras achegas espontáneas.
Guerrilleiro
Ás aforas, no cativo cemiterio amurallado, atopo a lápida do guerrilleiro Tomás Fernández, morto nun tiroteo, cando, con outros colegas, pretendían pasar a Portugal. Levaban un mes sobremorrendo sen comida nin descanso. Agachados detrás dun rabaño de ovellas, chegaron a Pedrosillo. Un dos pastores baixou a Páramo e delatounos. A Garda Civil colleunos preparados para o combate. Libraron todos, menos el, soterrado polos veciños.
“Capitán Tomás Fernández Castro, guerrillero asturiano de Olloniego. Murió en Primout en junio de 1940 luchando por la democracia. Tu madre, hermanos y familia no te olvidan”, reza a lápida. Contaba vintesete anos, estaba casado e tiña un fillo. 130 quilómetros separan o lugar de nacemento do da morte, a distancia máis lonxe á que chegou Tomás, lonxe dos seus.
Libros recomendados
'NAILÍA' Loli Rodríguez Rodríguez
Editorial Galaxia. Literaria. Vigo, 2025. 188 páxinas.
Acerta a autora no prantexamento e no desenlace desta historia de historias, múltiples personaxes, axilidade e tensión narrativas. Unha novela sen fisuras nin caídas, cunha temática actual que mereceu o premio Torrente Ballester.
'Miguel González Garcés, poesía' Miguel González Garcés
Edición de Luciano Rodríguez. Deputación da Coruña. 525 páxinas.
Sempre é aconsellable volver sobre este clásico das nosas letras, en plena vixencia o seu legado literario, co seu dicir nidio e suxestivo, nunha edición moi coidada do profesor L. Rodríguez.
'A liberdade do cazador' Diego Ares
Medulia Editorial. Narrativa. A Coruña, 2025. 300 páxinas.
Un longo verán de lecer e reflexión, o estrés ante os exames, os apuntes collidos ao longo de anos e logo revisados, están detrás deste libro, calidoscopio de temas tratados con agudeza e profundidade.
'Mañana matarán a Daniel' Aroa Moreno Durán
Random House. Madrid, 2025. 184 páginas.
A caballo entre la ficción y la crónica más personal, esta sobrecogedora novela, cimentada sobre una investigación exhaustiva ilumina uno de los episodios más siniestros del final de la dictadura española.






















