Takekazu Asaka: “En Xapón a xente non sabe nada de literatura galega, pero eu levo anos espallando a obra de Rosalía, Cabanillas e tamén de Castelao”

Takekazu Asaka Lingüista nado en Toquio (Xapón) en 1952, exerce dende 1988 como docente de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku. Profesor xubilado (2023), en 1978 descobre a existencia da lingua galega en Madrid a través das páxinas do semanario A Nosa Terra. A relación epistolar con figuras da cultura galega, xunto co coñecemento desta literatura, axudárono a indagar na personalidade sociocultural de Galicia. En 1985 doutorouse cunha tese de lingüística comparada onde o galego foi un dos idiomas investigados.
Dende a década de 1980 publica en revistas xaponesas artigos sobre problemas de morfosintaxe, gramática e aspectos varios do galego actual. Na mesma liña publicou o libro ‘Gramática do galego moderno’ (1993), ‘Guía de conversación en galego’ (1994), ‘Vocabulario básico da lingua galega’ (1995), ‘As linguas en España e Portugal’ (2005) e ‘Nova gramática galega’ (2016 e edición corrixida e aumentada 2018). Tamén traduciu ó xaponés os seis poemas galegos de García Lorca (1993), ademais do libro ‘Cantares gallegos’, (2002 e 2009), ‘Contos da miña terra’ (2014), e ‘Follas novas’ (2018), de Rosalía de Castro, ‘Os Eidos’ (2017), de Uxío Novoneyra, ‘A rosa de cen follas’ (2019) e ‘Samos’ (2025), de Ramón Cabanillas.
Cando comezou a súa relación con Galicia?
çAntes de viaxar a Galicia, cando no ano 1977 estudaba castelán, no Colexio Maior Universitario Santiago Apóstol de Madrid coñecín dous universitarios galegos. Daquela apareceu o xornal semanal A Nosa Terra e compreino por curiosidade cando o vin nun quiosco na Praza de Cibeles. Sorprendeume moito que non estivese escrito no mesmo idioma que outros xornais españois (ABC, El País, Ya ...). Foi o primeiro contacto que tiven co galego escrito.
Pero aínda tardaría en visitar esta terra, non?
A primeira viaxe a Galicia tivo lugar nas vacacións de verán en setembro de 1989, para asistir ao XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas, que se celebrou na Universidade de Santiago de Composterla. O ano 1990 visitei de novo Compostela para participar na terceira edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia organizado naquel momento polo Instituto da Lingua Galega. Ese verán e o seguinte verán asistín aos cursos de lingua e cultura galega e no verán do 1992 participei nos seminarios de historia da lingua, lingüística, dialectoloxía e literatura moderna do nivel superior dese cursos para estranxeiros.
A súa vinculación con Galicia chegou ao punto de que lle chaman ‘nipogalego’, séntese identificado?
O meu amigo mindoniense Armando Requeixo foi o primeiro en chamarme ‘nipogalego’. A min gústame moito esta denominación por identificarme como galego xaponés.
A súa relación con Galicia é estreita, pero semella que aínda máis con Cambados...
Levo a metade da miña vida acudindo a Galicia polo verán, ás veces noutras estacións, polo que coñezo bastantes comarcas da Galicia interior e da costeira. Sempre fixen visitas a Cambados, pero a miña relación e estancias na vila do Albariño comezou a ser moi intensa desde que no 2009 empecei a traducir a poesía de Ramón Cabanillas.
Os seus libros sobre Cabanillas contan co limiar do académico Francisco Fernández Rei, uno dos máximos coñecedores da vida e obra do poeta.
En Santiago nos cursos de galego para estranxeiros coñecín ao académico cambadés Francisco Fernández Rei, “Paco de Xenxa”, co que me une unha forte amizade, foi el quen redactou o limiar dos seis libros que publiquei sobre Cabanillas, ademais doutros limiares. Despois coñecín a Pitusa Vidal Cabanillas, neta do poeta, e outra xente de Cambados coa que teño moita relación, como Ramón Domínguez e a súa compañeira Tita Pintos que levaba a Libraría Cabanillas. Encántame o Salnés, e particularmente Cambados e o mosteiro da Armenteira; e encántame hospedarme na Casa Mariñeira Loudes do barrio da Pastora pola tranquilidade que se respira nesa zona de Cambados.
Que supuxo para vostede ser nomeado académico de honra da RAG?
Levo case corenta nos estudando a lingua e a literatura galegas e difundíndoas no Xapón, polo que o galego xa é o meu segundo idioma. E como dixen no discurso cando fun nomeado académico de honra da RAG en xuño do 2024, nun acto celebrado Auditorio da Xuventude da Cambados, ser membro de honra desa institución “é o máximo que podería agradar dunha Terra e dunha xente que tan ben me acolleu, e que me acolle cada vez que volvo”.
Tamén recibiu o Premio Ramón Cabanillas
Foi unha sopresa e á vez unha satisfacción inmensa ver que en Cambados se recoñecera o meu traballo de anos de estudo e divulgación no Xapón da figura e da obra de Cabanillas polos libros que daquela publicara sobre a súa obra poética e polos concertos que organicei no meu país e en Cambados onde se cantaba a súa poesía. Estoulle moi agradecido aos libreiros da vila e ao Concello porque me concederon no 2019 o XVI premio que leva o nome do poeta, e tamén, ese mesmo ano, a Folla de Ouro do Albariño.
Os sentimentos e o amor pola terra son inherentes a todas as culturas e sendo así, que atopa un xaponés nos versos de Cabanillas ou Rosalía?
O meu amor pola terra é moi forte nos versos de Rosalía e de Cabanillas como o é tamén en poetas xaponeses. Un dos autores xaponeses que máis me gusta é Kihachi Ozaki (1892-1974), porque a través da súa poesía podo sentir a natureza; e iso mesmo me pasa lendo poemas da cantora do Sar e do vate cambadés ou na obra ‘Os Eidos’, de Uxío Novoneyra.
Que aceptación teñen estas obras no seu país?
No meu país a xente non sabe nada de literatura galega. Mais eu difundo e levo anos espallando a obra de Rosalía, Cabanillas e Cantigas medievais coa música, e por iso, celebramos concertos en Toquio e Yokohama e noutras cidades. O último concerto foi o día 5 de outubro en Yokohama, “Saudade en Compostela”.
Fernández Rei destacan o seu nivel de coñecemento da literatura galega ata o punto de que xa o considera un experto sobre Ramón Cabanillas, que é o que o fai distinto aos demais?
Cabanillas, ‘o poeta arelado’, é o gran renovador da lírica galega despois da obra de Rosalía, Curros e Pondal. É moi especial para min desde que o coñecín no verán do 1992 nun seminario do profesor Xesús Alonso Montero. Gústame a súa poesía amorosa e saudosa e outros aspectos da súa lírica; e gústame empaparme da paisaxe do Salnés para entender mellor aspectos da súa obra.
En que proxectos está a traballar na actualidade?
Como homenaxe a Castelao no seu 75 aniversario teño practicamente rematado o libro Pequena escolma na que traducín á miña lingua Alba de Gloria, Un ollo de vidro e unha escolma de Cousas.
Cando será a súa próxima visita a Galicia?
A próxima visita a Galicia será o mes de San Xoán do 2026 para presentar en Santiago de Compostela o libro sobre Castelao. Sairá do prelo en Toquio o 7 de xaneiro do 2026, caboando da morte do rianxeiro en Bos Aires.




















