Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
La Galería

Xoán Rodríguez, poeta anfibio

cristal líquido
Cristal líquido
Galeria

Volve Xoán C. Rodríguez (A Barra-Coles, Ourense, 1966) publicar poesía. Desde perspectivas ben alleas ao que por aquí se entende por tal. Quero dicir que este autor fai algo diferente ou diverso, atento á materia gráfica pero tamén á visual, dun xeito –xa se dixo– nada “normal”. E é que o poeta de Cristal líquido (A Coruña, 2021), título ben afortunado pois que o devandito cristal vale o mesmo para o sólido que para o líquido, escribe os seus textos confrontándoos con fotografías, branco e negro, e que ben, que forza ten esta modalidade, da súa autoría. 

E agora debo dicir que este libro, autoeditado, con fermosura, por certo, leva –obviamente– tempo rulando/rolando polo espazo poético galego. Con limitacións distribuidoras. En edición da man de Claudio Pato e Xoán Torres. A este último non o coñezo, con “Calís” Pato teño alternado moito no Madrid da posguerra (da Transición) e gardo del a lembranza dun rapaz sosegado pero combativo, temperado mais diferente (el tamén). Así que logo do exordio e feitas as presentacións direi que estamos diante dun libro potente (no visual, no meramente gráfico) onde un poeta ousa subliñar, de maneira mol, unha chea de máquinas, fedellos, paisaxes, elementos naturais, sen que a presencia humana senón nun espazo interior veñas pertubar a solidez líquida do enxeño de Xoán C: Rodríguez.

Un poeta que fai prosa, non necesariamente poética, sen que se deixe levar nunca pola maquinaria do soniquete consabido (heptasílabo, hendecasílasbo, alexandrino) que tan nervioso poñía ao grandísimo poeta que foi/é Fermín Bouza Álvarez. Un autor excesivo (por iso o ninguneo que riba del paira) para o que por aquí flúe, boia ou subxaz.

Xoán C. Rodríguez fora membro do Grupo Ronseltz. Poeta anfibio, dixen, ao teor do que é/pode ser o cristal líquido. Posibilidade anfibia como este poeta que igual anda polo mar que pola terra. Por máis que el manteña unha opción artilleira. No poema/ prosa que abre o libro e fai del, igualmente, desenlace na contracapa. Artilleira, digo, porque neste senso “No cristal líquido, un sector de fogo é o segmento angular que cobre un tirador ou unha peza de artillaría.”

Así que Xoán C. Rodríguez propón criar un arco que vaia de Cabo Silleiro a Punta Candieira. Ora, o “prosema”, diría Ángel González, de centenario este ano, non vai por aí, pola arte do disparo porque “nunca entramos en combate”. Eu, si, lendo este libro, loitando con el na procura da beleza que se nos promete e nunca dexixa de acadarse. Ao bordo dunha “Montesa/ Impala” ou á beira das pedras de José Varela Campos. Reivindicado aquí de maneira definitiva. E que ben, tamén. Un libro que é outra cousa por un poeta que é outro xeito. Si.