
O XVII Santiago(é)Tapas xa está en marcha e, durante tres semanas, do 19 de febreiro ao 8 de marzo, converterá a cidade nun gran percorrido gastronómico no que participan 48 establecementos composteláns, a cifra máis alta desde que o concurso se trasladou ao mes de febreiro.
Nesta edición presentáronse un total de 73 tapas, cinco máis que o ano pasado, consolidando un certame que medra tanto en participación como en diversidade de propostas culinarias.
Ademais, 13 dos locais participantes estréanse este ano no Santiago(é)Tapas, un dato que confirma a capacidade do concurso para atraer novos proxectos hostaleiros.
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, destacou que este crecemento “amosa o acerto no cambio de datas do concurso, pensado para dinamizar a hostalaría nun mes tradicionalmente máis frouxo e avanzar na desestacionalización do turismo en Compostela”.
Nun principio, o Santiago(é)Tapas celebrábase en novembro, momento no que o sector hosteleiro “comezaba coas ceas de Nadal, así que xa había demasiado movemento”, segundo sinala a concelleira. Desa forma decidiron cambialo de data a febrero, “un mes moito máis frío, máis parado para a hostalaría, co obxectivo de que haxa actividades e visitantes durante todo o ano”.
Sabor por toda a cidade
Durante o certame, a cidadanía e as persoas visitantes poden percorrer distintos roteiros gastronómicos e degustar as propostas creadas especificamente para o concurso, que combinan tradición, creatividade e produto de proximidade.
Segundo sinala Louzao, “a gastronomía é un dos principais atractivos de Compostela e unha das cuestións máis destacadas polas que a xente nos quere visitar e da que tamén goza moito a propia cidadanía de Compostela, que fai moita vida nos locais de hostalaría”.
Ademais diso, achega valor engadido, xa que os visitantes acoden a estes locais e “non quedan no que todo o mundo visitaría de Compostela, senón que teñen que coñecernos de maneira máis profunda e coñecer a cidade, o concello e a gastronomía a través da calidade dos nosos produtos”.
En canto aos veciños da cidade, tamén os anima a acudir a locais diferentes aos que soen ir no seu día a día e “moverse por todo o territorio do concello”. Santiago(é)Tapas forma parte da estratexia turística municipal recollida baixo a marca Compostela Gastronómica, coa que se busca reforzar a identidade culinaria da cidade e prolongar as estadías máis alá dos meses de maior afluencia turística.
Desde Turismo de Santiago subliñan que a gastronomía é un elemento clave da experiencia de visita, xunto coa cultura, a lingua e o patrimonio, e que iniciativas como este concurso contribúen a distribuír mellor os fluxos turísticos ao longo do ano.
Amplo apoio institucional e empresarial
O XVII Santiago(é)Tapas está organizado e promovido por Turismo de Santiago e conta co apoio da Deputación da Coruña, que dá nome ao premio á mellor tapa creativa.
O patrocinio principal corre a cargo de Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Cafés Dromedario, a Asociación de persoas celíacas de Galicia, o CIFP Compostela e Allwork.
Como participar
Para participar no XVII Santiago(é)Tapas, as persoas interesadas deben recoller o Tapasporte a partir do 19 de febreiro, dispoñible tanto na Oficina de Turismo como nos establecementos participantes. Unha vez en marcha o percorrido gastronómico, cómpre probar as tapas nos locais adheridos e selar o Tapasporte en cada visita. A votación das mellores propostas realízase a través dos códigos QR que os establecemenos teñen habilitados a disposición dos usuarios.
Finalmente, os participantes que cumpran os requisitos poderán trocar os premios na Oficina de Turismo.
De record en record
A edición pasada do XVI Santiago(é)Tapas pechouse con cifras récord, ao acadar as 30.000 tapas vendidas e sumar 12.915 votos válidos, o que supuxo un incremento de arredor do 25 % con respecto ao ano anterior. Estes datos consolidaron o concurso como unha ferramenta eficaz para dinamizar a hostalaría durante a tempada baixa, logo do traslado da súa celebración de novembro a febreiro, unha decisión avalada tanto pola participación cidadá como polo sector.
Desde o Concello subliñaron entón que o Santiago(é)Tapas se estaba a converter nun evento clave para a desestacionalización turística, aliñado co obxectivo municipal de avanzar cara a un modelo máis sostible, que combine actividade económica, vida veciñal e atractivo para as persoas visitantes.
O balance positivo da pasada edición, tanto en consumo como en implicación do público, serviu de impulso para unha nova convocatoria que este ano volve medrar en número de locais e propostas gastronómicas. A concelleira de Turismo destaca a colaboración entre administracións públicas, pero tamén con estidades privadas, “é imprescindible para poder levar adiante os eventos de calidade que Compostela merece, que as persoas que nos visitan merecen”.








