A Xunta ofrécese a transferir 4,8 millóns para que sexa o Goberno quen incorpore aos auxiliares de conversación
O conselleiro de Educación tacha de "trampa" a nova convocatoria anunciada polo Executivo e sinala que "mantén a inseguridade"

A Xunta de Galicia hase ofrecido a transferir ao Gobierno central os 4,8 millóns de fondos autonómicos que dedica cada curso ao programa de auxiliares de conversación, de xeito que sexa o Ministerio de Educación o que se encargue directamente da incorporación destas persoas durante o próximo curso 2026-2027.
Así o anunciou este mércores en rolda de prensa o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que informou de que trasladará esta oferta nunha carta este mesmo mércores á ministra de Educación, Milagros Tolón.
"Nós queremos continuar co programa, pero, dado que o Goberno central segue sen ofrecernos certezas, optamos por poñer o noso diñeiro público ao seu dispor e que sexan eles os que se encarguen das incorporacións destas persoas ao sistema educativo galego se están tan seguros de que o problema xa está resolvido", subliñou Rodríguez.
Cabe lembrar que durante o ano pasado rexistrouse unha "discrepancia" entre ministerios xa que, aínda que Educación expón na súa convocatoria que os auxiliares de conversación realizan un intercambio cultural, o de Traballo esixía que se desen de alta como traballadores, o que derivou en "inspeccións aleatorias" e sancións millonarias nalgunhas comunidades como Andalucía e Valencia.
É dicir, "por seguir os parámetros dun Ministerio outro Ministerio multa ás comunidades autónomas", afeou o conselleiro, que subliñou que o obxectivo desta oferta é que Inspección non considere que existe unha "relación laboral".
"No caso galego temos hoxe por hoxe un expediente aberto na provincia da Coruña e que obviamente non sabemos como se vai a resolver, pero se se resolve igual que noutras comunidades autónomas posiblemente pode acabar en contra dos intereses neste caso de Galicia", engadiu.
"Isto é francamente absurdo. Isto indica que no Goberno de España non hai ninguén ao mando. Un Ministerio vai por un camiño e outro Ministerio vai por outro camiño", afeou o conselleiro de Educación, quen acusou ao Ministerio que dirixe Yolanda Díaz de "incrementar de forma fraudulenta as estatísticas de afiliados á Seguridade Social".
Unha convocatoria "trampa"
Román Rodríguez estivo acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que deron conta das consultas e informes técnicos e xurídicos realizados para analizar se a nova convocatoria, que o Ministerio publicou nos últimos días, "soluciona ou non o problema existente".
"Volve deixar aos pés dos cabalos", declarou o conselleiro ao explicar que non introduce a "necesaria seguridade xurídica" para resolver o conflito entre ministerios a pesar de que así lle foi esixido desde o pasado ano.
"A convocatoria é idéntica á que levou a apertura de expedientes, a multas millonarias, Galicia quere seguir no programa e mantelo, pero non queremos caer na trampa", aseverou o conselleiro.
Pola súa banda, a directora xeral insistiu en que a nova convocatoria "non engade garantías" e explicou que o que fai é "sistematizar criterios que xa estaban presentes no funcionamento ordinario do programa e non son unha modificación substancial do réxime xurídico previamente aplicable, entre outras cousas, porque tampouco pode facelo ao tratarse dun acto administrativo".
Neste sentido, explicaron que "intentan coar nun suposto novo anexo cuestións que xa aparecían recollidas ata o de agora na guía de funcionamento", pero sen resolver cuestións de fondo que motivan as inspeccións de traballo.
De feito, detallaron que existe un informe da Avogacía do Estado que "non tivo ningún efecto en Andalucía", unha das comunidades xa sancionadas. Xunto coa Comunidade Valenciana, as multas impostas suman xa 25 millóns de euros hai outros expedientes pendente de resolución, entres eles o que afecta a Galicia.
Con todo, Román Rodríguez insistiu en que, de seguir neste punto, o Goberno do Estado será "o único responsable" de que Galicia teña que prescindir deste programa "de gran éxito desde hai 15 anos".
"Só este curso temos preto de 700 auxiliares", sinalou o conselleiro, insistindo na importancia do programa en Galicia. A este respecto, lembrou que o 3 de xuño celebrarase unha conferencia sectorial na que trasladará todas estas cuestións á ministra de Educación.










