O Pleno esixe ao Goberno central seguir co programa de auxiliares de conversa
Rueda acusa no Parlamento ao BNG de “secuestrar” o galego e “poñer en perigo a liberdade” na comunidade

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou este mércores, cos votos favorables de todos os grupos da Cámara, demandar ao Ministerio de Traballo e Economía Social e ao Ministerio de Educación que adopten medidas para garantir a continuidade do programa de auxiliares de conversa.
Así mesmo, a proposición non de lei, levada á Cámara polo grupo popular, pide que se estableza un marco xurídico e laboral “claro, estable e común” para todas as comunidades.
Tamén inclúe reclamar que calquera decisión que se tome asegure que non se repercutan os custos extraordinarios para a Xunta que, engade, “xa financia case na súa totalidade o programa”.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acusou ao BNG de “secuestrar” a lingua galega para apropiarse dela, polo que advertiu que se segue así “o que está en perigo é a liberdade en Galicia”, e non só a liberdade lingüística.
“Emerxencia lingüística”
Na sesión de control ao Goberno, a líder da oposición, Ana Pontón, preguntou a Rueda se vai tomar medidas ante a situación de “emerxencia lingüística” ou vai continuar “a súa política de acoso e derriba ao galego”, coa que, tras 17 anos no goberno, Galicia vai “camiño dun lingüicidio”.
Pontón instou a Rueda a “cambiar o chip” como cre que lle esixiu a cidadanía na manifestación do pasado domingo, convocada por Queremos Galego polo Día das Letras Galegas, na que miles de persoas participaron en Santiago para pedir medidas en favor do galego.
Neste sentido, reclamoulle que “saia de detrás da pancarta”, na que se situou ao participar nunha mobilización de Galicia Bilingüe en 2009, cuxa foto esgrimiu durante a súa intervención.
“Pide que saia de detrás da pancarta, é que non cabe vostede detrás da súa? Pois non eran tantos o domingo”, replicou Rueda, quen proclamou que “Galicia é orgullosamente libre e orgullosamente bilingüe” e é o BNG o que ten “a soberbia de querer secuestrar o galego” para apropiarse dun idioma que “é de todo o mundo”.
Para Rueda, o BNG só trata de “impoñer, impoñer, impoñer, crispar e repartir carnés de bos e malos galegos”, e só é unha minoría, mentres que o PPdeG representa “á maioría que cre que a lingua é de todos”.
Así que pediu ao BNG que intente sumarse “ao consenso xeral” do Pacto pola Lingua que propuxo a Xunta e cuxas conclusións están pendentes de presentar este semestre, en lugar de “saírse fose e rebentalo”, xa que os nacionalistas se desmarcaron tras o inicio das negociacións.
Perda de falantes novos
A portavoz nacional do BNG alertou da “situación crítica” do galego e citou os datos do informe do Instituto Galego de Estatística de 2024, no que se reflicte que esta lingua está a perder falantes, sobre todo entre a xente nova, xa que só o falan sempre un 7%, case a metade que en 2018, cando esta porcentaxe chegaba ao 13%.
Pontón criticou o “decreto da vergoña”, en referencia ao do plurilingüismo na educación de 2010, cuxa derrogación volveu a reclamar, e pediu a Rueda que cumpra o Pacto pola Normalización Lingüística de2004, un acordo unánime que o PPdeG “rompeu por un puñado de votos”, reprochou.
Ademais, cuestionou onde está esa suposta “imposición” do Bloque, xa que nin sequera existe o 50% do galego no cine, nin na escola, nin nos medios de comunicación, e advertiu a Rueda de que “sen igualdade” para o uso da lingua “non hai liberdade” e o que está a facer é “roubar á xente máis nova a liberdade de poder vivir en galego en Galicia”.
Rueda admitiu que existen “retos” para o galego, como a remuda xeracional, que chegue ás redes sociais e alcance novos usos, ou que “siga sendo unha lingua viva, que queira falar a xente nova”, pero considerou que é o BNG o que a fai “odiosa” cos seus “sectarismos”.
E tras volver insistir en que se somen ao Pacto pola Lingua, espetou ao BNG: “Vostedes din que o galego está en perigo, non, o que está en perigo se seguimos así, e se non se lles para, é a liberdade en Galicia, tamén a liberdade lingüística”.
Neste sentido, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, confirmou que en xuño será o momento de “debater e abordar” o documento que recolle a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, un dos piares fundamentais do Pacto pola Lingua exposto pola Xunta.
En resposta a unha interpelación do PSdeG no Parlamento, o conselleiro pediu cooperación para este momento de debate no que “se abre un novo escenario para alcanzar medidas fundamentais para a nosa lingua”.










