Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Galicia

Begoña Caamaño, eu tamén navegar

Begoña Caamaño, no parque de Bonaval
Begoña Caamaño, no parque de Bonaval
Sonia Díaz
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620
MCDONALDS 620X50

Begoña Caamaño escribe as novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, dúas obras extraordinarias dunha magnífica factura. Na primeira, Penélope acode á pluma da autora como unha muller moi lonxe da resignación, pois renuncia á espera polo seu home. Circe, alén diso, comunícalle que Ulises está con ela na illa de Eea, e ambas estabelecen unha relación epistolar do máis edificante. Xohana Torres en Tempo de ría xa nolo advertira: “Existe a maxia e pode ser de todos./ A que tanto novelo e tanta historia?/ EU TAMÉN NAVEGAR”. As dúas, poeta e novelista, reverten o designio imposto e dispóñense a termar do leme elas mesmas. 

Na segunda das súas narrativas, Begoña Caamaño vólveo facer cunha Morgana que toma as rendas e se opón a Merlín, a quen pide explicacións polos erros cometidos no pasado. Merlín, refuxiado lonxe da súa patria e en compaña da raíña Xenebra, reside agora na terra de Miranda, en Esmelle, onde chegará Morgana á procura de explicacións. O poder extrasensorial de Morgana foi capaz de ver e saber que seu pai, Garlois de Cornualles, non é quen realmente xaceu coa mai cando regresa de loitar contra o inimigo. Seguidamente, Garlois morrerá no campo de batalla, e o fillo que procreará Igraine pertencerá a Uther Pendragón, o vencedor, o asasino e substituto de Garlois no reino. O fado, a resignación, o deber contraído fará recaer a maldición sobre Cornualles.

“As dúas reverten o designio imposto e dispóñense a termar do leme elas mesmas”Begoña Caamaño

Os debates e enfrontamentos a que asistimos ao longo desta narración trazan o celme central da historia. Vemos a un Merlín en­soberbecido no pasado, pois consegue dar con Garlois, daquela un rillote, na fortaleza de Tintaxel, alleo ás guerras e xogando feliz no patio, pero xa marcado polo mao fado e cun destino reservado polo mago para el. O vello mago fórase nutrindo antes dos saberes druídicos de Ávalon, mais cuns intereses radicalmente opostos aos propugnados na illa. Así, paulatinamente, vai gañando a confianza da xente invasora e elabora o seu plan.

As artimañas de Merlín conseguiran que ese fillo procreado en Igraine se coroase rei de Britania, futuro rei Artur. O seu afán político e de conversión ao cristianismo, e que xulga que a sabedoría debe estar na mans duns poucos, converte a Merlín nun ávido e desaconsellábel preceptor aos ollos de Morgana, mais tamén de Viviana, druída en Ávalon e irmá de Igraine, con quen Merlín compartiu antano ensinanzas, soños e abrazos. Viviana decepciónase ao entender que nada pode facer por reconducir o futuro de Artur que xa Merlín elaborara para el anos atrás: “Que hábil es, meu bo Merlín. Prométeslle un imperio e reservas para ti o mando. Abofé que a túa astucia medra máis rápido que a barba que loces cada día máis longa. Ti, e non Artur, serás o dono de Britania e será o teu nome o que permaneza na historia”.

Filipe de Amancia, unha das voces narradoras desta novela, xurdida da prosa cunqueirana, vai relatar desde o presente a verdade do seu amo, o mago Merlín, e da súa ama, a raíña Xenebra. Afronta o deber de contar, asumindo o papel de transmisor desa realidade co fin de talvez reparar un dano causado. A caída en desgraza de Merlín, o dano irreversíbel cometido sobre Xenebra por parte de Morgana, desbarata todo o que urdira o mago para Artur. Artur, pola súa parte, decide iniciar a busca do Santo Graal como expiación do seu abominábel pecado.

“O meu nome é Morgana. [...]

Morgana, a filla de Garlois. A irmá do rei. A sabia. A druída. A meiga. A fada. A bruxa. A puta.

Chamádeme como queirades. Tanto ten. Son todas e non son ningunha, que en cada unha desas Morganas, e de tantas outras como poidades imaxinar, hai parte da miña esencia, pero que eu son máis, moito máis do que a súa suma ou o seu conxunto.

Eu son Morgana e esta é a miña historia”.

Begoña Caamaño, di Ramón Nicolás en A nena que perdeu un zapato na lama: “[...] prendeu, aos poucos, a semente do espírito crítico e alí [refírese á escola de dona María sendo meniña] comezou a ver o mundo con lentes violetas”. E é que Caamaño descose por completo as costuras do “feminino”, quebrando así cos arquetipos e gañando espazo como muller consciente e rebelde nese mundo hostil ao seu xénero.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620