O uso do idioma galego centrará o pleno do Parlamento posterior á celebración do Día das Letras
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, fixo un chamamento aos galegos a participar na mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego para o domingo

O uso do idioma galego e os traballados para chegar a un pacto pola lingua centrarán o pleno da Cámara galega que se celebrará a próxima semana, o primeiro despois da celebración do Día das Letras este domingo, día 17 de maio.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntará por este asunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda; mentres que o PSdeG optará por interpelar ao Goberno galego sobre os efectos das súas políticas sobre o idioma, tendo en conta que neste pleno non terá a posibilidade de participar na sesión de control.
Á sesión, conforme avanzou Lara Méndez, ademais da interpelación ao Goberno galego sobre o idioma, os socialistas tamén preguntarán á Xunta polo desenvolvemento da Intelixencia Artificial en galego, con críticas pola "falta de investimento".
Do mesmo xeito, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, avanzou que a líder do Bloque, Ana Pontón, aproveitará para preguntar a Rueda pola ausencia de políticas en favor do galego ante a "situación de emerxencia" que se atopa o idioma.
Rodil, que fixo un chamamento aos galegos a participar na mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego o domingo, censurou que, "pasados xa case dous anos, o Goberno de Rueda non presentase aínda a súa proposta para un pacto pola lingua". "Nada se sabe", dixo sobre as propostas da comisión de expertos, "concluídas hai meses, para actualizar o Plan de Normalización Lingüística".
Pola súa banda, o portavoz parlamentario, Alberto Pazos, que censurou que o BNG se negase a formar parte dos traballos para alcanzar un pacto polo galego, avanzou que a súa formación defenderá a continuidade e estabilidade do programa de Auxiliares de Conversa, no que este curso participan case 690 profesionais de 19 países en 791 centros educativos galegos.
Respecto diso, o portavoz parlamentario do PPdeG advertiu da "inseguridade" xerada polas actuacións do ministerio de Traballo e reclamou ao Goberno central "unha resposta coordinada" entre os departamentos de Educación e Traballo que garanta a viabilidade do programa sen custos adicionais para Galicia.













