Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Galicia

De Begoña Caamaño a Fillas de Cassandra: ‘Colchas de voces’, o videopódcast das Letras Galegas

A Real Academia Galega crea un espazo para conversar sobre asuntos que foron relevantes para a protagonista deste 17 de maio

Fillas de Cassandra no videopódcast 'Colchas de voces'
Fillas de Cassandra no videopódcast 'Colchas de voces'
banner-620x50
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620
MCDONALDS 620X50

"Cada xeración ten a obriga e o dereito de volver sobre os mitos fundacionais para analizalos e reinterpretalos", sostiña Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Santiago de Compostela, 2014). 

A protagonista do Día das Letras Galegas fíxoo nas súas novelas , 'Circe ou o pracer do azul' (2009) e 'Morgana en Esmelle' (2012), dúas grandes obras da narrativa galega contemporánea que interpelan sobre cuestións éticas, políticas e sociais dende a perspectiva feminista que atravesa todo o seu pensamento. 

Arredor destes asuntos que preocuparon e ocuparon a Begoña Caamaño "escritora e xornalista, a activista e a amiga", así a define a Academia Galega, xira o primeiro videopódcast da RAG, Colchas de voces.

O programa estréase da man do dúo musical Fillas de Cassandra, cunha conversa na que María Soa e Sara Faro reflexionan sobre os moitos puntos que teñen en común coa autora que a que se lle rinde homenaxe este 17 de maio

O videopódcast, dispoñible en academia.gal e na canle de Youtube da RAG, é unha das propostas que a institución concibiu para achegar a figura e a obra de Begoña Caamaño á mocidade.

Conduce o espazo a xornalista Alba Mancebo, que presenta tamén a serie de reels 'É o tempo de Begoña Caamaño' que a institución está a ofrecer nas redes sociais, contando coa colaboración doutras e doutros creadores de contidos. 

A primeira entrega conta coa colaboración de Leti da Taberna, que ofrece unha relectura dende o humor de Sailor Moon, protagonista dunha das icónicas series nipoas de debuxos animados que se emitiron no Xabarín Club

A estrea de este episodio prodúcese nestes primeiros días do mes das Letras Galegas e só uns días antes do concerto de estrea de Tertulia, o segundo álbum de Fillas de Cassandra, que pechan o episodio cantando un anaquiño dun dos temas incluídos neste traballo. 

O título do novo disco reflicte a necesidade das dúas artistas de reivindicaren, nos tempos da hiperconexión dixital, o encontro coas amigas, a volta ás conversas con vagar, a escoita. “A capacidade de falar, de entenderse, de debater é a única maneira de construír un mundo mellor conxuntamente”, expresa Sara Faro.

Fillas de Cassandra naceu en 2022 e en 2023 presentou o seu primeiro álbum Acrópole. Como Begoña Caamaño, María Soa e Sara Faro elixiron reescribir mitos clásicos dende unha perspectiva feminista, dándolles voz ás mulleres, que seguen a ser silenciadas e cuestionadas, como lle aconteceu a Cassandra, advirten. 

“Que as mulleres non sexamos cridas nas violencias que sufrimos favorece que o sistema patriarcal siga imperando. E sobre iso quixemos reflexionar en Acrópole, como faría Begoña Caamaño, porque esa cultura segue moi vixente, cada vez máis”, conta Sara

Viguesas e neofalantes

María Soa foi a primeira en coñecer a obra de Begoña Caamaño, cando xa crearan Fillas de Cassandra. A descuberta da súa literatura, a través de Circe ou o pracer do azul, lémbraa como algo “incrible”, expresa compartindo a emoción de atopar unha autora tan próxima que recorrera aos mitos para falar do mundo coas lentes de cor lila.  

O idioma que empregan é outro dos fíos que as une á protagonista do Día das Letras Galegas 2026, que coma elas medrou en Vigo falando primeiro castelán e tomando despois a decisión consciente de se pasar ao galego.

 “As dúas somos neofalantes. Coñecémonos nunha manifestación feminista e estabamos falando galego, así que non houbo reflexión contraria posible. E enténdese, quen quere entende!”, engade María.

'Colchas de voces' evoca dende o seu título unha das expresións utilizadas por Begoña Caamaño para sinalar as fontes clásicas das que partía nas súas novelas: “Chego mesmo a botar man de personaxes por outros inventadas. (...) Xorde un relato que semella obra miña pero que, en realidade, é como esas colchas tecidas de retallos vellos: unha historia creada con imaxes xurdidas doutras historias prestadas, cos refugallos das historias que a min me chegaron”. 

A cita pertence ao texto que a autora escribiu para a presentación de Morgana en Esmelle que se reproduce na edición conmemorativa das Letras Galegas da RAG, dispoñible na sección de publicacións de academia.gal. O segundo episodio será unha conversa coa escritora Antía Yáñez e estrearase no mes de xuño.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620