Sargadelos incorpora á súa directiva un consello asesor para asistir a Segismundo García na xestión
Iván Marrube Rodríguez e Esteban Orive García integrarán este novo órgano da empresa

A propiedade do grupo empresarial Sargadelos decidiu incorporar ao organigrama directivo un consello asesor que aconsellará e asistirá ao administrador único da compañía, Segismundo García, nas tarefas de xestión. García informou da decisión tomada nun comunicado emitido este sábado.
O novo consello asesor de Sargadelos estará integrado por Iván Marrube Rodríguez e Esteban Orive García, con ampla traxectoria empresarial e actualmente con funcións de dirección en importantes firmas.
En concreto, Marrube centrará a súa actividade en tarefas de organización e instauración de novos métodos de goberno. Pola súa banda, Orive ocuparase principalmente de labores de comercialización e desenvolvemento do negocio.
Un ano convulso
A noticia sobre a incorporación dun consello asesor chega despois de que, este pasado ano 2025, visitas e sancións da Inspección de Traballo levasen a Segismundo García a tomar decisións comprometedoras para o futuro da fábrica, chegando a ordenar deter a súa produción.
Xustamente, o pasado xoves, 2 de abril, cumpriuse un ano desde que García comunicou o peche da emblemática factoría no municipio lucense de Cervo, que finalmente non chegou a producirse.
Foron precisas naqueles momentos as reunións entre representantes dos traballadores en Cervo e a Xunta de Galicia, a través da mediación con García do titular da Consellería de Emprego, Comercio e Migración, José González Vázquez.
Non faltou tampouco unha importante mobilización social que puxo en valor a relevancia da produción de Sargadelos como patrimonio cultural material de Galicia, feito reivindicado tamén polas institucións e formación políticas galegas que, no seu conxunto, paralizaron a decisión de García.
Máis tarde, a finais de novembro de 2025, impuxo un expediente de regulación temporal de emprego ao cadro –que levantou antes da data prevista– e presentou a súa dimisión como CEO.








