
O Goberno galego confirmou un investimento de 65 millóns de euros ata 2030 co fin de reforzar o seu modelo de actuación integral nos ríos e reducir o impacto das inundacións nas contornas fluviais.
O Consello da Xunta analizou onte un informe sobre as medidas previsas por Augas de Galicia, que abarcan a predición, conservación ou a execución de obras de mellora, entre outras actuacións.
O obxectivo é que a comunidade estea “máis preparada, segura e sexa resiliente” na xestión da auga e a protección dos ríos e as persoas fronte aos riscos derivados do cambio climático.
Por iso, para o próximos cinco anos prevense “numerosas actuacións” en espazos urbanos, en colaboración cos concellos situados en áreas de risco potencial de inundación (Arspi), por valor duns 35 millóns.
Así, ademais dos traballos xa realizados en Carballo ou Neda, inclúense actuacións xa proxectadas para Sada (7,2 millóns), Gondomar (6,5 millóns), Padrón (tres millóns), Valga (tres millóns) ou Viveiro (un millón).
No marco desas iniciativas, nos próximos anos poñerase en marcha tamén a creación de zonas de inundación controlada (xa están identificadas as sete primeiras zonas), infraestruturas que permiten laminar os caudais en episodios de choiva intensa, xerando ao mesmo tempo zonas verdes, recuperando leitos naturais e integrando os cursos fluviais no tecido urbano.
A estas actuacións únense os “traballos constantes” de mantemento e conservación do dominio público hidráulico na demarcación Galicia-Costa a cargo de Augas de Galicia.
Para reforzar esta acción nos próximos anos, elevaranse os investimentos anuais coa previsión de chegar a 20 millóns en 2030.
De forma paralela, a Xunta ten en marcha unha campaña de concienciación en áreas con risco potencial de inundación, cun orzamento duns 700.000 euros, que inclúe accións en colexios destinadas a alumnos de entre seis e doce anos, e a instalación de paneis informativos nas zonas inundables.
Alerta temperá
A Xunta destacou, neste ámbito, o papel de Augas de Galicia no ámbito da predición, as medicións en tempo real ou as ferramentas operativas de alerta temperá.
Respecto diso, puxo en valor a rede oficial de medición e control da demarcación hidrográfica, que permite coñecer en tempo real o comportamento dos ríos, cun investimento anual de medio millón de euros; á que se suma o sistema de alerta temperá Merlín, mellorado nos últimos meses cun investimento de 600.000 euros.
Augas de Galicia traballa xa na mellora no ámbito da predición coa posta en marcha do proxecto ‘Aquatwin’, cun orzamento de tres millóns, para contar cun xemelgo dixital das cuncas hidrográficas que integrará datos históricos e datos en tempo real.
Isto permitirá simular escenario complexos, avaliar o impacto das presións humanas e ambientais nas contornas fluviais e apoia a toma de decisións estratéxicas.








