A Xunta de Galicia xa fala de “cambio demográfico positivo”
Os nacementos creceron un 1,6% na comunidade durante o pasado ano ata chegar a un total de 13.567

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, falou de “cambio demográfico positivo” ao crecer a natalidade en Galicia en 2025 “por primeira vez desde 2008” e por encima da media, dacordo cos datos que publicou o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Respecto diso, valorou o impacto das medidas de apoio ás familias postas en marcha pola Xunta, como a gratuidade de escolas infantís, casas niño, o Bono Concilia ou a Tarxeta Benvida.
A conselleira visitou na xornada de onte a escola infantil pública autonómica de Rois, A Coruña, acompañada do alcalde, acto que aproveitou para referirse aos últimos datos demográficos do INE e sinalar que “revelan un cambio de tendencia na natalidade” na comunidade galega.
Ademais, subliñou o feito de que Galicia gañe poboación “de maneira sostida” nas súas catro provincias.
En 2025, a comunidade aumentou en 13.600 o seu número de habitantes, para situarse por encima dos 2,7 millóns, a cifra máis alta desde 2015, destacou a Xunta.
Datos do INE
Segundo os mencionado datos do INE, os nacementos creceron un 1,6% en 2025 en Galicia ata os 13.567, mentres que as defuncións aumentaron un 2,2% ata as 33.461, polo que o saldo vexetativo foi negativo en 19.894 persoas.
Estes datos supoñen un cambio de tendencia para a comunidade galega, que desde o ano 2016 encadeaba caídas no número de bebés nados, un descenso que chegou a ser do 7,48% en 2018.
Pontevedra foi a única provincia galega onde os nacementos diminuíron o pasado ano respecto a 2024, cunha caída dun 0,6%, mentres que Ourense foi a que experimentou un maior crecemento, cun 5,22%.
Na Coruña os nacementos creceron un 2,35% en comparación co ano anterior e en Lugo fixérono un 1,06%. Dos 13.567 nacementos rexistrados en Galicia en 2025, 6.686 foron mulleres e 6.881 homes.
A conselleira de Política Social valora o impacto das medidas do Goberno galego de apoio ás familias
Por idade das nais, a maior cantidade de alumeamentos producíronse entre os 35 e 39 anos, con 4.513, seguida da franxa entre os 30 e 34 anos, con 4.149.
Un total de 1.713 nacementos en Galicia foron de nais entre os 40 e os 44 anos, 230 de nais entre os 45 e os 49 anos, e un só alumeamento foi dunha proxenitora de máis de 50 anos.
Entre nais de 25 e 29 anos houbo 1.991 nacementos, entre as de 20 a 24 anos contabilizáronse 813, mentres que en mulleres de 15 a 19 anos rexistráronse 138 e entre as menores de 15 houbo só dous.
Neste sentido, Fabiola García sinalou que estes datos “constatan que Galicia está a conseguir reverter as proxeccións demográficas de hai unha década, con case 130.000 habitantes máis dos previstos”.
Seguir traballando
“Isto demostra que as medidas de apoio ás familias postas en marcha pola Xunta están a dar resultado”, incidiu e comprometeu que o Goberno galego seguirá “traballando para consolidar a ‘Galicia calidade’ que todos queremos, facendo cada vez máis da nosa comunidade unha terra de oportunidades e o mellor lugar para formar unha familia”.
Ademais, a titular autonómica de Política Social se viu con traballadoras sociais municipais e aproveitou novamente para denunciar que o Goberno central “paralizou” o denominado plan de choque da dependencia e a discapacidade da Xunta e atribúeo a un “afán puramente recadatorio”.
E é que, segundo os seus datos, coas máis de 12.500 homologacións automáticas da discapacidade realizadas pola Xunta o pasado ano, o Executivo central deixou de recibir 114 millóns de euros.








