A Xunta aproba a reforma para bonificar o material escolar pago en efectivo
O novo Programa Nexos apoiará os proxectos ‘I+G+i’ de 138 empresas con case 23 millóns de euros de orzamento

A Xunta de Galicia iniciou unha reforma legal para permitir este ano, de maneira “excepcional”, a rebaixa no IRPF para material escolar tamén nas compras realizadas en efectivo, algo que espera que estea en vigor antes do inicio da campaña da declaración da renda.
Segundo explicou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa comparecencia tras a reunión semanal do Goberno galego, aprobouse un proxecto de lei neste sentido que será enviado ao Parlamento para a súa tramitación por lectura única, a máis rápida.
Rueda lembrou que as desgravacións, como esta que empeza a aplicarse este ano, adoitan incluír só os pagos con tarxeta ou por medios electrónicos “para garantir a rastrexabilidade de todo o proceso”, pero dalgunha maneira a Xunta “deu por feito” algo que non chegou a todos os posibles beneficiarios.
Por iso, a Xunta buscou unha fórmula legal para crear unha excepción para a declaración da renda deste ano e poder facer así tamén a desgravación ás persoas que pagaron as compras en efectivo porque “descoñecían o requisito” do pago electrónico, e cumpran o resto de criterios.
Con esta desgravación, o obxectivo é beneficiar a unhas 60.000 familias, cun aforro conxunto de 6,5 millóns de euros. O goberno galego estableceu unha dedución do 15% na cota autonómica do IRPF para este ao 2026, con carácter retroactivo para incluír os gastos da volta ao colexio do actual curso escolar, ata un máximo de 105 euros por fillo matriculado.
As persoas beneficiarias deberán ter unha renda per cápita da unidade familiar de ata 30.000 euros e a dedución resultará incompatible coas bolsas concedidas para estes mesmos gastos.
Rueda anunciou tamén a próxima resolución do novo Programa Nexos grazas ao que se subvencionarán 37 proxectos nos que están implicados 138 empresas co apoio de diversos centros de coñecemento en campos considerados estratéxicos para Galicia.
Investigación galega
Cun orzamento de máis de 22,6 millóns de euros para as anualidades 2026-2028, A Xunta espera mobilizar un investimento total de 39,8 millóns e impulsar así a I+G+i, a investigación feita en Galicia, “no campo empresarial”.
Tal e como detallou o presidente, os proxectos, financiados pola Consellería de Educación, realizaranse por agrupacións de empresas constituídas por un máximo de seis pemes e un mínimo de tres.
Por tipoloxía, 25 son de desenvolvemento experimental, dez de investigación industrial e dúas de innovación organizativa e innovación de procesos.
Rueda sinalou que todos estes proxectos encádranse nalgún dos ámbitos considerados “estratéxicos” polo Plan galego de investigación e innovación 25-27.
En concreto, once versan sobre economía circular e enerxía, 10 sobre fabricación avanzada, nove sobre agroalimentación, catro sobre benestar e saúde e tres sobre outras áreas.
Para a selección destes proxectos tamén se tivo en conta a capacidade das entidades beneficiarias para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír ao crecemento económico de Galicia.
Esta é unha das accións da Xunta para fortalecer a I+G+i, a ciencia e a innovación feitas en Galicia, mellorando así o potencial da comunidade.
De maneira particular, Nexos busca aumentar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial, fomentar a cooperación público-privada a través de proxectos de I+D+i e facilitar a transferencia de tecnoloxía e a adopción de solucións avanzas que permitan ás pequenas empresas liderar procesos de transformación dixital, avanzando cara á súa sustentabilidade e competitividade.
Os beneficiarios poderán financiar custos directos (persoal, equipamento e materiais, subcontratacións e adquisición de patentes, entre outros) e indirectos (gastos administrativos, de supervisión e control de calidade, subministracións, seguros, seguridade ou gastos de limpeza).
Por outra banda, o Consello da Xunta analizou a convocatoria de apoios de 2026 do programa Aprol Economía Social, dotado cun crédito inicial de cinco millóns e que publicará mañá o DOG.
Con esta iniciativa, a Xunta busca promover o emprego e o emprendemento nas cooperativas e sociedades laborais á vez que contribúe a fixar poboación no rural.
Deste xeito, coa convocatoria deste ano prevé impulsar a incorporación de máis de 340 persoas como socias nunhas 160 cooperativas e sociedades laborais.







