
O plenario do Consello da Cultura Galega acordou na sesión celebrada o pasado 24 de outubro de 2025 recoñecer coa súa máxima distinción a Kathleen March e a Francisco Díaz-Fierros polo seu apoio na difusión e visibilización da actividade da institución.
A Medalla do Consello da Cultura Galega foi creada en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende salientar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea.
Os anteriores homenaxeados foron Luis García Montero e Helena González en 2022; e Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato, en 2018.








