A Xunta colabora con Luar na Lubre para achegar a música galega a América
A mítica banda de folk celebrará, co apoio do Executivo autonómico, o seu 40 aniversario cun ciclo de concertos por Arxentina, Uruguai e Chile

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou onte en Santiago a xira de concertos que Luar na Lubre celebrará en diferentes territorios de América con motivo do seu 40 aniversario.
Ambos estiveron acompañados polo fundador da agrupación, Bieito Romero, quen participou como representante e voceiro da banda.
No acto, o secretario xeral da Emigración destacou que o obxectivo desta iniciativa é “reforzar os vínculos coa comunidade galega do exterior e impulsar a proxección internacional da cultura galega”. Para iso, un ano máis, o Goberno galego aposta pola música. “É un proxecto que dá continuidade ao que xa fixemos en 2025 cos concertos de Baiuca e Luz Casal en Bos Aires no marco de ‘Saborea Galicia Calidade’, pero este ano non imos quedar nun único país”, confirmou Rodríguez Miranda, revelando que Luar na Lubre levará o seu repertorio a Arxentina, Uruguai e Chile no mes de marzo.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, pola súa parte, puxo en valor a traxectoria da mítica banda nada en A Coruña en 1985, indicando que a xira “representa unha oportunidade relevante para fortalecer os lazos coa diáspora, conectar con novos públicos e consolidar a imaxe de Galicia como unha terra referente”. Así mesmo, José González sinalou que unha das prioridades do seu departamento é “revitalizar as nosas relacións coa galeguidade do exterior”, un propósito para o cal Luar na Lubre funcionará como embaixadora cultural, achegando ademais a tradición galega a novos territorios e públicos.
Unha xira intensa
O fundador da banda, Bieito Romero explicou que, aínda que Luar na Lubre xa actuou noutras ocasións no continente americano, nesta xira contan “co apoio directo da Secretaría Xeral da Emigración”, o que lle outorga un carácter especial á proposta. Segundo o músico, as actuacións en América resultan sempre “moi emotivas”, tanto pola presenza de galegos como polo agarimo co que é recibida a música galega nestes países. Definiu a xira como “moi intensa” e sinalou que o propósito do grupo é levar ao exterior, como xa fixeron infinidade de veces antes, “a súa forma de entender Galicia por medio dun dos piares fundamentais da nosa cultura: a música”.
O percorrido, con motivo da celebración dos 40 anos da banda, inclúe seis concertos en tres países. Comezará o 5 de marzo en Montevideo (Uruguai), no teatro El Galpón; continuará o 7 de marzo en Santiago de Chile, no centro cultural Ceina; e completará catro actuacións na Arxentina: os días 10 e 11 de marzo en Bos Aires, na sala La Trastienda; o 13 de marzo en Rosario, no teatro Lavardén; e o 14 de marzo en Córdoba, no teatro Real.
Tradición e conexión
Os representantes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destacaron que a iniciativa impulsada pola Xunta fundaméntase en dous eixos. En primeiro lugar, que actuacións do grupo cheguen ás comunidades galegas residentes en Bos Aires, Rosario, Córdoba, Montevideo e Santiago de Chile; cidades con importante presenza de colectividades galegas onde terán lugar os concertos.
Por outra banda, o Executivo autonómico destaca a importancia de impulsar actividades complementarias nos centros galegos, como clases maxistrais ou encontros cos membros da agrupación, co propósito de estreitar vínculos e dinamizar culturalmente estas entidades. José González concluíu recordando o “tremendo éxito” dos concertos de Luz Casal e Baiuca celebrados o ano pasado no marco da iniciativa ‘Saborea Galicia Calidade’ e insistindo na importancia de “manter unha ligazón coa nosa colectividade, pero tamén facer patria, expor o orgullo galego fóra das nosas fronteiras cun grupo deste prestixio”. “Corren bos tempos para Galicia na súa proxección internacional”, sentenciou.











