García atribúe a intereses fiscais o recurso contra o plan de choque da dependencia
Política Social denuncia que a paralización responde a un afán recaudatorio do Goberno central

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou na tarde deste venres a residencia pública autonómica Porta do Camiño en Santiago, onde aproveitou para volver denunciar a paralización do plan de choque da Xunta por parte do Goberno central, que interpuxo un recurso contra as homologacións automáticas de dependencia e discapacidade.
A conselleira advertiu que o propio Executivo central pretende copiar as homologacións automáticas polas que presentou o recurso e que xa permitiu recoñecer a discapacidade automaticamente a máis de 12.500 dependentes galegos, ao tempo que se reduciron os tempos de agarda.
Polo tanto queda claro, recalcou, que a única motivación do Goberno central é recadatoria, pois con esta simplificación dos trámites deixou de recibir 114 millóns de euros durante o 2025 en Galicia.
Do mesmo xeito, Fabiola García tamén denunciou o que considera un trato “desigual, inxusto e inaceptable” do Goberno central con Galicia, actuando, segundo dixo, “dun xeito que nunca se atrevería a facer con comunidades como Cataluña ou País Vasco”.
Ademais disto, a titular autonómica de Política Social avanzou que a paralización do plan da dependencia suporá novos atrasos e trastornos burocráticos para os dependentes galegos que, por esta decisión do Goberno central, deberán someterse a unha dobre valoración.
Isto supón “máis trámites, atrancos e máis tempos de espera”. Por último, insistiu en que a Xunta seguirá reclamando ao Goberno central que cumpra coa lei de dependencia e asuma o 50% do custo do servizos, “en lugar de reducir a súa achega ano tras ano”.
Fabiola García asegurou que este déficit no financiamento está a carrexar unha importante débeda con Galicia, que neste 2026 chegará aos 2.900 millóns de euros. Neste sentido, incidiu en que a Xunta “demanda para Galicia o mesmo compromiso que o Executivo central ten co Goberno vasco: un financiamento a partes iguais da dependencia”.
Pazos achaca o movemento do Executivo de Sánchez á súa “obsesión para que Galicia non avance”
Pola súa banda, o portavoz do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos, achacou o recurso do Goberno á lei galega de acompañamento de 2024 á súa “obsesión para que Galicia non avance e que os galegos non teñan servizos de primeiro nivel”.
O Tribunal Constitucional anunciou este pasado xoves a súa decisión de admitir a trámite o recurso do Goberno contra varios preceptos desta lei autonómica, como a repotenciación de eólicos e o recoñecemento de dependentes, polo que automaticamente quedan suspendidos temporalmente.
Segundo Pazos, o Goberno pon “todo tipo de obstáculos” ás iniciativas de Galicia que favorezan o seu desenvolvemento industrial e económico, no caso dos eólicos, e tamén social, coa valoración de dependentes; “mentres abre as mans” para conceder competencias a País Vasco e Cataluña para “manterse en Moncloa”.
“E os prexudicados por estas decisións somos os galegos, que sufrimos en carnes os desprezos de Pedro Sánchez”, incidiu Pazos.
O portavoz parlamentario do PP galego coincidíu coa conselleira en que “o que lle doe a Sánchez” é que a tramitación acelerada dos dependentes en Galicia priva ao Goberno de recadar “114 millóns de euros”, que son recursos que necesitaría “para satisfacer esixencias doutros territorios”.
Ademais, Pazos sinalou que os deputados Roberto Rodríguez e Gonzalo Trenor, feridos nun accidente de tráfico esta semana cando se dirixían a Santiago para participar no Pleno do Parlamento, evolucionan favorablemente.
“Parece que todo vai quedar nun susto”, afirmou Pazos, que aproveitou para reiterar o seu agradecemento a todos os grupos parlamentarios polas facilidades postas para alterar a orde do día do Pleno con motivo da ausencia dos deputados.







