O número de centros con clubs de lectura aumenta un 10% e acada xa o medio milleiro en Galicia

Un total de 500 centros educativos galegos desenvolven este curso clubs de lectura co apoio da Xunta de Galicia, o que supón un incremento de case o 10% respecto ao ano anterior tras a incorporación de 51 novos centros. A iniciativa enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe) de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e ten como obxectivo fomentar o hábito lector entre o alumnado de todas as idades, promovendo tamén a implicación das familias e do conxunto da comunidade educativa.
Os clubs de lectura impulsan ademais o uso das novas tecnoloxías e dos medios de comunicación, integrando nas súas actividades ferramentas como blogs, vídeos, booktrailers, redes sociais, presentacións dixitais ou dispositivos electrónicos de lectura. O programa está aberto a centros de Educación Infantil e Primaria, Secundaria, Formación Profesional, Educación Especial, centros de adultos, colexios rurais agrupados e ensinanzas de réxime especial, como conservatorios e escolas oficiais de idiomas.
Por provincias, 189 centros participantes corresponden á provincia da Coruña, con 24 novas incorporacións este curso; 184 a Pontevedra, con 18 novos centros; 70 a Lugo, con seis incorporacións; e 57 a Ourense, con tres novos centros. Cada centro conta cunha asignación económica, determinada polo tipo de centro e o proxecto presentado, destinada principalmente á adquisición de libros e ao funcionamento dos clubs, fondos que pasan a integrarse posteriormente nas bibliotecas escolares.
Bibliotecas Escolares Solidarias
Paralelamente, a Consellería de Educación promove o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que este curso conta coa participación de 245 centros educativos, o que supón un incremento próximo ao 5%.
Esta iniciativa fomenta o voluntariado cultural e a lectura compartida, tanto dentro dos propios centros como fóra deles, en colaboración con bibliotecas públicas, entidades culturais, residencias de persoas maiores, hospitais ou outros espazos cidadáns. Por provincias, participan 102 centros da Coruña, 91 de Pontevedra, 28 de Lugo e 24 de Ourense.
Co desenvolvemento destes programas, a Xunta reforza o papel das bibliotecas escolares como espazos dinamizadores da lectura, da participación social e da aprendizaxe ao longo da vida, consolidando unha rede educativa comprometida coa cultura e a cohesión social.








