O Parlamento aproba os orzamentos da Xunta para 2026 cos votos do PP
A oposición acusa aos populares de “pasar o rodete” e de incorporar “máis discrecionalidad” e “menos dereitos”

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou, co voto a favor do PPdeG e o rexeitamento da oposición, os orzamentos da Xunta para 2026, que ascenden a 14.240 millóns, un 2% máis.
No último debate das contas na Cámara autonómica, BNG e PSdeG mostráronse críticos co documento e acusaron ao grupo popular de “pasar o rodete” e “confundir maioría absoluta con absolutismo”.
Ademais, os nacionalistas e os socialistas pediron á Xunta rectificar o rexeitamento á condonación da débeda para evitar un “erro histórico”.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, reivindica a “estabilidade” de Galicia fronte a ausencia dos PGE
No relativo ás emendas, o Bloque censurou que o grupo maioritario incorporou “cero” das súas 575 emendas e o PSOE galego lamentou que salan adiante os orzamentos “igual que entraron, igual de curtos”.
Xusto antes de que comezase o Pleno parlamentario , o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, reivindicou a “estabilidade” de Galicia para aprobar de forma definitiva este martes os seus orzamentos para 2026 “nestes momentos de incerteza”.
Unha cuestión que contrapón a un Goberno central que non consegue sacar adiante os Orzamentos Xerais do Estado (PGE).
BNG e PSdeG afean ao Executivo galego que ningunha das súas emendas fose incorporada ao texto das contas
Do mesmo xeito, despois de levarse a cabo a votación, o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, celebrou a aprobación das contas ao ser Galicia “a primeira comunidade” en facelo.
Achega do Goberno central
A primeira en intervir no debate no Pleno foi a socialista Elena Espinosa, quen salientou o incremento da achega do Goberno central a Galicia e subliñou que a Xunta “podería facer máis” con estes fondos.
Con todo, censurou que os populares “non sorprenden a ninguén” cuns orzamentos “maquillados, con pequenas partidas de escaparate para lavar a cara e dicir que apoian ao rural cando nin sequera son capaces de aprobar en prazo o Pladiga”, o plan contra incendios forestais.
Por parte do BNG, Noa Presas trouxo a colación a manifestación do pasado domingo contra Altri para cargar contra uns orzamentos “que están dispostos a vender Galicia”.
“Xa é boa hora de que vaian rectificando”, advertiu. Con todo, considerou que o PP “non é que non queira rectificar, é que non recoñece a máis mínima vontade de escoita” e “confunde maioría absoluta con absolutismo”.
“Teñen as persianas baixadas e parece que se puxeron os tapóns nos oídos”, concluíu, antes de poñer o foco nas súas peticións para “rescatar servizos públicos” e “avanzar en dereitos”.
A popular Paula Prado rexeitou algunhas das emendas concretas da oposición para concluír que “Galicia goberna hoxe e seguirá gobernando mañá” con estes orzamentos.
Á marxe disto, aproveitou para criticar a actuación da CIG na folga na educación pública, ao que Presas replicoulle que as caixas de resistencia “son unha ferramenta sindical” e que “o PP é máis de caixas B”.
Noutra quenda do PSOE galego interviu o seu líder, José Ramón Gómez Besteiro, nun debate que estivo monopolizado polas acusacións por suposto acoso sexual ao expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e a xestión do caso por parte da dirección do partido.
No referente aos orzamentos, Besteiro lamentou que “este Parlamento converteuse nun lugar para dar forma a decisións tomadas de antemán” e así as contas apróbanse “igual que entraron, sen melloras, sen correciones, igual de curtos e de xustos e sen escoitar nada do que pasa fóra”.
“Aceptar emendas non é un síntoma de debilidade, é un exercicio de responsabilidade política”, afirmou, antes de relatar algunhas propostas dos socialistas en materias como a vivenda.
Pola súa banda, o popular Alberto Pazos dixo estar “a se revelar contra a normalización do anormal”, pola ausencia de PGE, e “garantindo un ano máis que Galicia sexa unha illa de estabilidade no medio dun océano de incerteza”.
Lei de acompañamento
A continuación, e antes de que empezase o Pleno ordinario, os grupos debateron e votaron a lei de medidas fiscais e administrativas, que cada ano acompaña aos orzamentos e establece, entre outras cuestións, novas rebaixas fiscais da Xunta para o ano que vén.
Tamén saíu adiante co apoio do PPdeG e a oposición de BNG e PSdeG. Na súa quenda, a socialista Patricia Iglesias cargou contra a “discrecionalidad” e a “política de amiguetes” que, na súa opinión, introduce esta norma, en materias como a vivenda.
Pola súa banda, Olalla Rodil (BNG) considerou que supón un “atropelo aos galegos”, en ámbitos como o rural ou o eólico, nos que quedarán “con menos dereitos”, e Galicia “máis desprotexida”.
Fronte a isto, e ante as críticas á utilización desta lei para modificar multitude de aspectos, o popular Julio García Comesaña defendeu que é “necesaria, útil, estatutaria e constitucional”.






















