Setenta mulleres do PSdeG, lideradas por Inés Rey, asinan un texto contra agochar o acoso
Rueda e Pontón unen posicións nas críticas aos de Besteiro e cualifican de “espectáculo” a situación do partido

Unhas 70 mulleres socialistas asinaron un manifesto aberto “polo feminismo no PSdeG-PSOE” e en apoio da súa compañeira Silvia Fraga, que dimitiu do seu cargo como secretaria de Igualdade por discrepancias sobre como se xestionou o caso da denuncia interna por acoso sexual contra José Tomé, exlíder do partido en Lugo.
“Non ten cabida ningunha actuación que ampare ou relativice o acoso sexual e o machismo”, conclúen no seu manifesto, que está apoiado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e outras rexedoras municipais, entre varias decenas máis de nomes.
Desde a “lealdade ao partido”, defenden a necesidade de esclarecer os feitos, protexer ás vítimas e preservar a integridade das institucións, polo que reclaman “unha actuación firme, transparente e coherente” como a única que permitirá manter a confianza cidadá e demostrar que “non hai espazo para a impunidade nin para ningunha forma de violencia contra as mulleres”.
No texto destacan que os feitos coñecidos de acoso e denuncias presentadas na canle interna do partido “causan estupor, vergoña e desafección” nun partido que “ten o feminismo gravado na súa alma” e advirten que ante a dimisión de Fraga non poden estar “impasibles”, despois do “traballo exemplar” feito.
As asinantes, que se definen como “militantes e mulleres socialistas”, manifestan o seu apoio ás mulleres vítimas de acoso sexual que denunciaron, polo seu “acto de valentía”.“A tolerancia cero é unha esixencia democrática que non admite excepcións nin matices, e forma parte de irrenunciable dos valores socialistas”, advirten.
Por outra banda, o PPdeG e o BNG uníronse tamén onte nas súas críticas ao PSdeG.
O presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alfonso Rueda, afeou ao PSOE lucense o “espectáculo” que está a amosar tras coñecerse o caso de José Tomé e acusou ao BNG de “mirar cara outro lado acndo ten que actuar con contundencia”.
Mentres, a líder do BNG, Ana Pontón, considerou que o PSdeG aínda ten que dar “moitas explicacións” sobre o caso Tomé.
Pontón non avanzou que vai facer o BNG sobre a súa alianza co PSdeG no goberno da Deputación lucense. “Imos ver nas próximas semanas como acaba esta situación”, apuntou Pontón, que criticou que o PP pida agora responsabilidades ao PSdeG “cando leste ano encubriu durante meses a un presunto agresor sexual, ao que mantivo no Consello de la Xunta e ao que despediu entre aplausos”, lembrou.
As mocidades socialistas esixen explicacións
As Xuventudes Socialistas de Galicia esixen a convocatoria dun Comité Nacional extraordinario do partido para que a dirección autonómica dea explicacións “de maneira clara e transparente” ante as denuncias sobre acoso sexual contra o seu exlíder en Lugo Jóse Tomé.
Trasladarán á dirección galega a necesidade de convocar de forma “urxente” este órgano, o máximo entre congresos, tal e como se acordou nunha reunión na que houbo “diversidade de opinións” sobre a resposta do PSdeG a este caso.






















