Caamaño amósase satisfeito coa desconvocatoria parcial da folga en Primaria, proba da vontade dun pacto
O BNG reprocha o acordo “in extremis” para a sanidade mentres o PSdeG valora a negociación

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, expresou a súa satisfacción ante a desconvocatoria da folga en Atención Primaria (AP) acordada con CSIF, CCOO, UXT e Simega, “claramente positiva” e que, na súa opinión, supón a “demostración fidedigna” de que cando existe vontade de diálogo por ambas as partes, o acordo é unha “realidade”.
O conselleiro destacou que o obxectivo sempre foi, por unha banda, “garantir a asistencia sanitaria” e, por outra, “mellorar e negociar melloras nas condicións laborais dos profesionais sanitarios”.
“E iso é o que conseguimos”, apostilou. Caamaño recoñeceu que a negociación deste pasado luns e deste martes foi “longa e complexa”, “con moitas arestas” e con puntos de desencontro que foron, “aos poucos, matizándose”.
“Ao final chegamos a un acordo que creo que é moi beneficioso para todos os profesionais sanitarios e que, por outra banda, vainos a permitir garantir a asistencia sanitaria nun momento claramente complicado por unha onda de gripe nunha contorna tamén de ausencia de profesionais sanitarios”, declarou.
Por outra banda, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, reprochou o acordo “in extremis” entre Consellería e sindicatos.
A viceportavoz do PSdeG, Elena Espinosa, valorou o acordo pero considerou que a negociación aínda require estudar se “efectivamente dá resposta a todas as necesidades da AP ou non”.
Mentres Espinosa apoiou “por encima de todo a negociación”, que este pasado luns culminou coa desconvocatoria da folga por parte de tres sindicatos, Rodil criticou que a Xunta non moveu “ un dedo durante anos” a favor dos servizos de atención primaria e que só reaccionou no último momento para evitar a folga pero non para atender os problemas do sistema público de saúde.
O BNG solicitou na xunta de portavoces que na próxima reunión plenaria do Parlamento compareza Caamaño, para responder sobre ese asunto, pero a petición foi rexeitada polo PPdeG, con maioría na Cámara.
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, cualificou de “boa noticia” o acordo cos catro sindicatos e espera que “máis pronto que tarde” alcancen “un punto de entendemento” co resto, porque “a mellor maneira de solucionar os problemas no ámbito sanitario galego é a través de diálogo”.




















