Lorenzana pide ao Goberno que retire o recurso no TC contra a repotenciación eólica
A conselleira califica como “fraude aos galegos” o decreto aprobado na reunión do Consello de Ministros

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou este martes de “fraude aos galegos” o novo decreto aprobado polo Consello de Ministros que regula as repotenciacións de parques eólicos en España e reclamou a retirada do recurso de insconstitucionalidade contra a normativa galega.
Lorenzana considerou “unha irresponsabilidade absoluta” que o Goberno aprobe agora esta norma cando hai poucas semanas presentou un recurso de inconstitucionalidade “contra Galicia” por este motivo.
“Cunha man, o Consello de Ministros aprobaba hai nada presentar un recurso de inconstitucionalidade contra Galicia e, agora, coa outra man, aproba a mesma norma regulando a repotenciación obrigatoria dos parques eólicos de España”, dixo a conselleira.
“Levamos tempo dicindo que o recurso de inconstitucionalidade que interpuxo o Goberno contra as medidas da nova política eólica da Xunta non favorece nin á industria de Galicia, nin ao noso desenvolvemento enerxético nin tampouco aos fogares, ás familias e ás industrias en canto a que teremos menos enerxía para poder abaratar a factura da luz dos galegos e teremos máis impacto no territorio”, abondou.
Segundo dixo, “agora demóstrase que, efectivamente, era un recurso de inconstitucionalidade do señor Sánchez contra Galicia” porque o que regula a Xunta é inconstitucional, mentres que o Consello de Ministros pode regulalo para toda España.
Lorenzana criticou a “dobre moral” do Goberno e asegurou que “é unha mostra máis da falta de rigor e de responsabilidade que ten coas comunidades”, concluíu Lorenzana.









