A Xunta solicita reunirse co novo coordinador europeo do Corredor Atlántico
Diego Calvo sinala a petición busca supervisar os prazos e investimentos da infraestrutura

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, solicitou por carta unha reunión ao novo coordinador do Corredor Atlántico en Galicia, François Bausch, para abordar a situación actual desta infraestrutura, “estratéxica e prioritaria para a comunidade e para a cohesión europea”, indicou a Xunta nun comunicado.
Calvo felicita a Bausch polo cargo tras unha traxectoria como ministro de Mobilidade e Obras Públicas en Luxemburgo, “que acredita–sinalou– o seu compromiso coa mobilidade sostible, as infraestruturas europeas e o impulso á conectividade transfronteiriza”.
Para a Xunta o Corredor Atlántico “é fundamental” para potenciar a presenza do noroeste peninsular na Rede Transeuropea de Transporte e reforzar “a posición estratéxica” de Galicia como nodo loxístico, “o que beneficiaría a competitividade empresarial e o comercio, ao mesmo tempo que se avanza cara á mobilidade sostible”.
O conselleiro sinalou que o obxectivo de solicitar o encontro é avanzar no desenvolvemento do Corredor “supervisando o cumprimento de prazos e asegurando que os investimentos se materialicen con urxencia e sen atrasos que provoquen desigualdades territoriais”.
A Xunta leva tempo esixindo ao Goberno central “concrecións sobre o Plan Director do Corredor Atlántico cunha desagregación das obras, cifras e prazos.
“Mentres o Corredor Mediterráneo está en marcha, do Atlántico non se dispón dun documento completo actualizado e só se coñecen actualizacións con diapositivas sen mostrar a totalidade das actuacións, sen identificar fitos concretos e sen unha planificación detallada”, conclúe o comunicado.