Medio Rural pide “tranquilidade” ante a dermatosis nodular e reducir o movemento de gando en Galicia
Gómez lembra que o foco está “moi localizado” en Girona pero que “todas as precaucións son poucas”

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, chamou á “tranquilidade” e á “precaución” ante contagios de dermatosis nodular contaxiosa (DNC), especialmente localizados na provincia catalana de Girona, e polo que en Galicia suspenderanse desde este luns as feiras e demais eventos que impliquen concentración de gando.
A responsable autonómica visitou na xornada de onte a quinta edición da Feira L de Lugo, onde, en atención aos medios, pediu aos gandeiros que minimicen na medida do posible os movementos de gando, así como a realización de desinfeccións periódicas nas granxas.
Gómez insistiu en que o foco está “moi localizado” na provincia de Girona, onde espera que quede reducido. Ademais, nesa chamada á “tranquilidade”, lembrou que é unha enfermidade vírica que só afecta a gando vacún e sen posibilidades de contaxio a humanos ou produtos.
Con todo, a partir de este luns cancélanse durante 21 días todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentración de gando en Galicia, onde de momento non hai casos notificados. Tamén quedará prohibida a entrada de animais procedentes de explotacións situadas en zonas declaradas como restrinxidas a esta enfermidade.
“Todas as precaucións son poucas para evitar que se estenda desde Cataluña ao resto de España”, xustificou María José Gómez sobre as medidas acordadas e que se publicarán no día de hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Así mesmo, asegurou que existe conformidade coas medidas entre tratantes, matadoiros e gandeiros, cos que xa falou: “Están preocupados; eles son os máis interesados en que a enfermidade quede reducida a ese lugar onde está”.
Enfermidade vírica
A DNC é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza.
Esta enfermidade non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.
A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza nas primeiras datas do mes de outubro en territorio español, na provincia de Girona.
Alí, houbo sucesivas notificacións de novos focos, o que supón un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC na comunidade galega.
Por este motivo, co obxectivo de previr a entrada no territorio a Xunta remarcou a “necesidade de tomar medidas sanitarias cautelares”, para protexer ao gando bovino galego.