Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Galicia

A Xunta esgotará o teito de gasto nos orzamentos de 2026 e prevé levar a cabo máis rebaixas fiscais

20 de outubro as contas públicas para remitilas ao Parlamento

El presidente de los empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites (i), y el conselleiro de Facenda, Miguel Corgos (d), en el marco de las reuniones con agentes sociales
El presidente de los empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites (i), y el conselleiro de Facenda, Miguel Corgos (d), en el marco de las reuniones con agentes sociales
Lavandeira Jr (Efe)

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou este venres que os orzamentos do próximo ano esgotarán o teito de gasto aprobado en agosto no Parlamento, terán máis rebaixas fiscais, non recorrerán a novo endebedamento e prevén unha caída do paro por baixo do 8%.

 Así o sinalou tras reunirse cunha representante de UXT e co presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, xa que por motivos de axenda non acudiu ningún representante de CCOO, que tachou de “deslealdade” que a Xunta non modificase a data da reunión.

 O pasado 4 de agosto o Parlamento galego aprobou, co único voto favorable do PP, grupo maioritario, o teito de gasto para 2026 por un importe de 14.177 millóns de euros, un 1,6 % superior ao do ano anterior.

 A esta reunión, protocolaria, na que o conselleiro adoita avanzar as liñas xerais das contas públicas que a Xunta aprobará antes do vindeiro 20 de outubro para remitilas ao Parlamento, tampouco acudiu ningún representante de CIG, que nun comunicado previo mostrou o seu rexeitamento “ás políticas de recortes e á deriva” dun Goberno autonómico que aplica medidas “radicalmente neoliberais, de ultradereita e españolistas”.

 Corgos saudou a presenza dos representantes de CEG e UXT, aos que agradeceu as súas propostas, mostrou a súa vontade de reunirse con CCOO ao longo da próxima semana e sobre a ausencia e as críticas de CIG explicou que se debe a motivos “políticos” e que a Xunta non vai aprobar o orzamento do sindicato nacionalista. 

Sobre os orzamentos do vindeiro ano, Corgos non especificou apenas detalles e evitou concretar cales serán as novas rebaixas fiscais que prevé introducir, ademais de lembrar que o gasto en libros e material escolar deste curso poderá desgravar para a declaración do IRPF do ano 2026.

 Sinalou, que a Xunta aprobará de novo as contas “en tempo e forma”, a pesar de que faltan algúns elementos “importantes” para pechalas, como as regras fiscais ou os falta datos da evolución, por exemplo, dos custos de persoal debido á súa falta de aprobación polo Goberno. Como noutros anos a Xunta estimará estas cantidades, explicou o conselleiro, que confirmou que este ano concluirá con mellores resultados que as estimacións feitas cando se aprobaron os orzamentos e encadeará “seis anos de crecemento consecutivo” cunha composición equilibrada.

 Ademais dunha previsión de baixar do 8% a taxa de paro para 2026, Corgos incidiu en que por terceiro ano consecutivo a Xunta non adquirirá novos compromisos de endebedamento, o que repercutirá nunhas contas máis saneadas e en menos intereses que poderán dedicar a financiar os servizos públicos.