O PPdeG pregunta polas vivendas prometidas polo presidente do Goberno central en Galicia
Rodríguez e as comunidades emplázanse a outra reunión tras persistir “diferencias” co Plan Estatal

O PPdeG preguntou no Congreso polas vivendas prometidas polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en Galicia e asegurou que “parece evidente que a propaganda” do Executivo “excede con fartura a realidade”.
Así o trasladan os deputados galegos nunha pregunta rexistrada na Cámara Baixa, na que sinalan que, nunha entrevista recente, a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, asegurou que xa se entregaron máis de 100.000 vivendas das máis de 180.000 prometidas polo presidente.
Esta afirmación, denunciaron, contrasta coa realidade percibida pola cidadanía e as comunidades, que “carecen do apoio da administración estatal para afrontar o reto de contar con vivendas máis alcanzables”.
Así, sostiveron que en Galicia descoñécese “onde se atopan estas vivendas”, o seu número e “cando se entregaron as chaves aos seus propietarios ou adxudicatarios”.
“Parece evidente que a propaganda do Goberno español excede con fartura a realidade, ignorando que afrontar un problema como a vivenda require do esforzo conxunto de todas as administracións”, sinalaron os populares.
Pola súa banda, o Ministerio de Vivenda e as autonomías emprazáronse a unha nova reunión da Comisión Multilateral a próxima semana “para buscar o consenso” tras persistir algunhas “diferenzas” sobre “aspectos concretos” do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 na Comisión Sectorial celebrada onte, na que se reuniu a ministra do ramo, Isabel Rodríguez, cos conselleiros de vivenda autonómicos.
Posibilidade de acordo
Segundo fontes de Vivenda, na reunión constatouse “a posibilidade” de chegar a un acordo para sacar adiante o próximo Plan Estatal.
Desde o departamento de Isabel Rodríguez celebraron o “ton” do encontro e trasladaron o seu compromiso en poñer “todo da súa parte” para alcanzar un acordo ao “servizo do interese xeral” que garanta o dereito a unha vivenda digna e adecuada a toda a cidadanía.
Con todo, desde o Goberno mantiveron que o novo Plan ten que implicar unha maior corresponsabilidade no financiamento, debe protexer de forma permanente as vivendas construídas con recursos públicos e debe achegar unha maior transparencia nos datos.
Previamente á reunión, as comunidades do PP criticaron a “unilateralidade” e o “autoritarismo” do Goberno na elaboración do plan.
Neste sentido, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, insistiu en que “o que pedimos as comunidades son propostas sensatas que a ministra debe atender”.
Segundo datos do Ministerio, o orzamento para Galicia do novo plan ascende a 399 millóns, 292 máis que no anterior e o esforzo extra que deberá facer a comunidade con respecto ao anterior é de 26,9 millón de euros.










