Alfonso Rueda sinala o compromiso coa mellora da Xustiza coa estrea dun edificio xudicial na Estrada
O presidente indica que esta actuación complementarase con reforzos nas comunicacións da comarca

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou na inauguración oficial do novo edificio xudicial no municipio pontevedrés da Estrada, unha infraestrutura que culmina despois de anos de traballo e que responde, remarcou o mandatario autonómico, ao compromiso do Goberno galego coa modernización da Administración da Xustiza e coa mellora dos servizos públicos prestados á cidadanía.
“O noso obxectivo é habilitar edificios dignos para os que traballan neles e os que veñen como administrados da Xustiza”, manifestou Rueda, tras asegurar que o da Estrada “é un edificio para o futuro que permitirá traballar con comodidade, modernidade e transparencia”.
Único inmoble
A nova sede xudicial permite reunir nun único inmoble os dous xulgados de Primeira Instancia e Instrución que até agora estaban dispersos en diferentes locais, resultando nun único Tribunal de Instancia con dúas seccións.
O edificio, situado no núcleo de servizos da Baiuca, conta con case 1.600 metros cadrados distribuídos nunha planta única e con todas as instalacións necesarias para albergar con comodidade as dependencias referidas, ademais doutros espazos para Fiscalía, Rexistro Civil ou sala de atención á vítima.
En total, dará servizo a miles de cidadáns da Estrada e da súa contorna e acollerá a un cadro de 18 profesionais. O Executivo galego destinou para poñer en marcha esta infraestrutura case 3,3 millóns de euros.
O proxecto sufriu atrasos debido á crise internacional de materiais derivada da invasión de Ucraína por Rusia.
Estándares avanzados
Este é o primeiro edificio xudicial en Galicia concibido baixo os máis avanzados estándares de sustentabilidade, con elementos como unha cuberta vexetal, sete patios interiores con luz natural e un deseño que cumpre os requisitos europeos de edificios de consumo case nulo exixibles antes de 2030.
O presidente galego, que estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, enmarcou esta actuación na estratexia global da Xunta para a mellora de infraestruturas xudiciais en Galicia, un feito que supón un investimento de máis de 165 millóns entre 2014 e 2026.
Neste período inclúense proxectos como a Cidade da Xustiza en Vigo –“todo un referente en España”, en palabras do presidente da comunidade galega–, os novos edificios xudiciais de Pontevedra e Ourense ou a rehabilitación da Fábrica de Tabacos na Coruña, así como case 500 obras menores en 53 edificios xudiciais galegos desde o ano 2009.
Por último, Rueda destacou que a posta en marcha do novo edificio xudicial complementarase cunha mellora nas comunicacións na comarca da Estrada. “Esperamos pór en servizo antes de final de ano o tramo da autovía Santiago-A Estrada do que xa están a finalizar as obras e iniciar o último e definitivo”, indicou.










