
A aldea de Esperela volverá converterse os días 4 e 5 de xullo no epicentro da cociña e a viticultura da comarca coa celebración da III Feira GastroLexítimo, un evento que o Concello de Paderne aspira a consolidar como referente en Galicia como escaparate do quilómetro cero e do Branco Lexítimo. Unha oportunidade única para saborear e coñecer o territorio; para descubrir produtos de calidade e desfrutar dunha experiencia que combina natureza, tradición e cultura, a só 35 minutos da Coruña.
O restaurante Árbore da Veira, o único con estrela Michelin da cidade, acolleu o acto no que o alcalde do Concello de Paderne, o socialista Sergio Platas Casal, adiantou as que serán as claves dunha cita da que destacou o seu crecemento imparable malia cumprir apenas tres edicións, sendo a da estrea a de 2024.
Así, o rexedor incidiu no obxectivo de seguir eloxiando a dedicación dos empresarios do concello e as singularidades dunha variedade vitivinícola transmitida de xeración en xeración ata integrarse na identidade de Paderne.
Entre outras accións, neste 2026 destacan a intervención da actriz Lucía Veiga, que abrirá as celebracións despois de inaugurar as dos Mallos e antes de pregoar as Festas de María Pita, e o concerto de Milladoiro na noite do sábado 4.
Ademáis, volverán a organizarse actividades xa consolidadas como as catas de viño, obradoiros de cociña e arte floral, xogos infantís e expositores de empresas de Paderne. Como novidade, a mostra incorporará unha xuntanza e conversa sobre os ‘viñeróns’ organizado por Avibe, unha iniciativa encamiñada á recuperación e divulgación da herdanza vitivinícola da comarca de Betanzos.
No acto tamén interviron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o chef Luis Veira, así como representantes dos establecementos e colectivos que acudirán a Esperela. Como Ivett Sabín, de Casa Beade, quen agradeceu a colaboración e implicación dos veciños, ou Tonecho Meixide, de Adegas Bordel, quen destacou a singularidade, características e idoneidade dos caldos da IXP Viño da Terra de Betanzos.
Regueira definiu a mostra como unha celebración que “fala de legado, esencia e esforzo colectivo”; que amosa ao mundo a “vida mesma da provincia, de Galicia”, mentres que Veira destacou a implicación de quen traballan para facer medrar o evento ano tras ano e situalo como referente na Coruña e en Galicia.
A cita volverá contar tamén cun gran compoñente deportivo a través da III edición do Trail GastroLexítimo Pablo Teijo, con trail, ‘trailiño’ e andaina, que espera superar a marca de 200 inscritos anotada en 2025.
A presentación rematou coa proxección dun vídeo no que produtores, adegueiros, hostaleiros, representantes institucionais e veciños coinciden nunha mesma mensaxe: o GastroLexítimo ten por diante un futuro prometedor e aspira a converterse nun dos grandes escaparates do potencial gastronómico e vitivinícola de Paderne.













